RECOÑECEMENTOS DEPORTIVOS
Representantes da FGC asistiron á entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2011
19/5/2011
O acto tivo lugar o pasado luns en Pontevedra

A Xunta de Galicia celebraba o pasado luns 16 de maio un acto onde entregaba 38 distincións, 7 de elas a título póstumo, aos deportistas galegos coas mellores traxectorias competitivas. Esta é a primeira vez que a administración autónoma entregaba uns galardóns desta natureza.

O ex-ciclista Óscar Pereiro, ganador do Tour de Francia; o ex adestrador do Deportivo da Coruña, Arsenio Iglesias; o Liceo Club Hockey de A Coruña; ou o ex futbolista Luís Suárez foron algúns dos que obtiveron recoñecemento neste evento que dende agora terá carácter anual e con sede rotativa.

O acto, que estivo presidido polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, contou cunha ampla representación por parte da Federación Galega de Caza, encabezada polo seu Presidente, Javier Nogueira, quen estivo acompañado do Secretario Xeral, Ramón Rodríguez, o Presidente saínte da FGC en Pontevedra, Francisco Couselo e o Presidente entrante, Juan Ángel Alonso.

Cabe esperar que en vindeiras entregas destes recoñecementos, a caza figure entre as actividades deportivas con figuras recoñecidas neste evento, especialmente en vista dos grandes éxitos colleitados polos nosos deportistas nos últimos anos tanto a nivel nacional como internacional.