GALEGO PERCORRIDOS CAZA
Río Sar acollerá un ano máis aos mellores tiradores galegos
10/6/2011
65 tiradores loitarán esta fin de semana por obter o título de Campión Galego

Como ven sendo habitual, as instalacións que a Sociedade Deportiva Río Sar posúe en Chaián, no concello coruñés de Trazo, serán as que acollan o Campionato Galego de Percorridos de Caza, que alcanza con esta a sua vixésimo cuarta edición.

Os primeiros pratos escacharanse o sábado 11 a partir das 11.00h da mañá, cando os tiradores que o desexen poderán adestrar no campo de tiro ata as 20.00h.

Será o domingo 12 de xuño cando a competición de comezo de xeito oficial, a partir das 8.30h. Este campionato galego disputarase sobre 150 pratos nas categorías de Seniors, Donas, Veteranos, Superveteranos, Xuvenís e Handisport.

O pasado 8 de xuño realizábase na sede da FGC en Santiago de Compostela o sorteo de escuadras nas que se reparten os 71 tiradores inscritos na proba, dos cales 65 optarán ao Campionato Galego (17 por Coruña, 16 por Lugo, 14 por Ourense e 18 por Pontevedra, ademais do Campión da edición anterior e 2 clasificados da Copa Galicia da modalidade).

Os mellores tiradores clasificados neste Campionato formarán a Selección Galega de Percorridos de Caza que participará no vindeiro Campionato de España. Segundo establece a normativa de competicións da FGC, serán un total de 6 tiradores (4 da categoría sénior, e 2 pertencentes ao resto de categorías, escollidos entre os mellor clasificados no global da proba).