COPA GALICIA RASTRO XABARIL
Francisco Rodeiro imponse na proba disputada en Vilagarcia
1/7/2011

O pasado 26 de xuño, disputábase en Vilagarcía de Arousa unha nova edición, e xa van catro, da proba de Cans de Rastro Atrelados modalidade xabaril organizado pola Sociedade de Caza “Karsita” e a Federación Galega de Caza en Pontevedra.

O monte Xiabre foi testemuña do bo facer dos 13 monteiros e 18 cans que se deron cita nesta proba puntuable para a Copa Galicia da especialidade e que, nesta ocasión, foi xulgada por Víctor Casqueiro Casqueiro e Manuel Martínez Casal.

Sobre un escenario máis que óptimo para a celebración deste tipo de probas e unhas elevadas temperaturas soportadas por cans e monteiros, disputouse esta proba que, tanto na súa fase clasificatoria como final, fixeron que participantes e público disfrutaran en plenitude das presentacións de cans e monteiros sobre o rastro do suido.

Foi o monteiro Francisco Rodeiro Eiras co seu sabuxo “Sil” o que con 214,5 puntos acadou o primeiro posto converténdose deste xeito no campión da proba. O xoven griffón azul de nome “Ludo” propiedade de Álvaro Fontenla Filgueira obtivo un total de 203,5 puntos que o relegou a un segundo posto da clasificación. José Manuel Rivadas con “Brus” tívose que conformar cun terceiro posto o obter 202 puntos.