Revista de Prensa


Unha cuadrilla da Sociedade de Coristanco acadou tres xabaríns que xan non provocarán danos no millo
Marta Valiña · 22/10/2008

Os membros da Sociedade de Caza Coristanco non recordan un inicio de tempada tan bo como o do pasado sábado. Medio día coa escopeta ao lombo e un resultado que de non ser polas fotografías moitos pensarían que se trataba dun farol: tres xabarís, un deles de máis de cen quilos de peso. Os outros: arredor de 40 para cada un.

«Foi un día fantástico, tivemos moita sorte, porque non era zona de moitos xabarís», asegurou o presidente da entidade, José María Álvarez Villar. Foi un éxito rotundo para eles e tamén para os labradores da zona de Verdes, que forma parte do Tecor de Coristanco, e que elixiron para pegar os primeiros tiros da tempada.

Os quince cazadores que participaron na batida volveron ledos para casa, pero os agricultores tamén quedaron contentos. E por partida dobre. Felices porque os membros da sociedade lles regalaron unha das pezas acadadas, e pletóricos, porque desde o sábado hai tres xabarís menos a escachar as súas colleitas de millo.

Moi cedo nas fincas

«Eliximos a zona de Verdes precisamente porque era onde máis danos causaron os animais este ano. Ademais, a pesar de que o millo vén atrasado, os porcos empezaron moi cedo a entrar nas fincas», indicou José María Álvarez, quen recoñece que a batida do sábado foi moi doada. «Os cans ían moi ben adestrados e seguiron rapidamente o rastro. Acadamos tres xabarís, pero avistamos dous máis, así que o noso día case é de récord», di sen poder ocultar a súa ledicia. Non é para menos, porque nas dúas batidas anteriores que fixeron para atrapar ás bestas volveron a casa coas mans baleiras.

Os labregos tampouco ocultaron a súa ledicia e o sábado recibiron os cazadores case cunha festa. «Para os veciños a nosa batida supón un pequeno alivio, xa que os animais estaban a producir cuantiosos danos nas colleitas do millo, por iso tamén decidimos darlles unha das pezas, porque ao fin e ao cabo foron eles os que alimentaron aos xabarís», dixo Álvarez Villar.

Os outros dous xa están despezados e metidos no conxelador. Aí quedarán ata decembro, mes no que pensan facer unha comida de confraternidade con todos os socios. «Hai carne de sobra para os 180 da entidade», di Álvarez. Tal vez o vindeiro sábado acaden algunha peza máis para a comilona.