Revista de Prensa


O lucense Bernardo Traseira Rois, acompañado do seu spaniel bretón ‘Baco', revalidou o pasado fin de semana o título de campión de Galicia de caza menor con can. O cazador lucense logrou presentarse no control con dúas bolseiras e unha perdiz, o que deu finalmente a vitoria.
· 30/11/2010

A competición desenvolveuse no tecor da sociedade de caza Santa Isabel, de Outeiro de Rei, e contou con todos os condicionantes para que os 22 participantes puidesen loitar polos mellores obxectivos. Nesta ocasión, os terreos para a práctica da caza e a densidade de pezas contribuíron a unha loita interesante pola vitoria. En total abatéronse un total de 28 pezas, das que cinco eran perdices.

Na entrega de premios aos máis cazadores máis destacados estiveron presentes Ramón Carballo, xefe territorial de Medio Rural, Regina Polín, alcaldesa de Guitiriz, e o presidente provincial da Federación Lucense de Caza, Francisco López; ademais de José María Gómez, presidente da Federación Galega de Caza, organizadora do evento celebrado en Outeiro de Rei.

Un dos maiores alicientes desta competición era o feito de ser clasificatorio para o campionato de España da modalidade, que terá lugar na Rioxa o próximo 11 de decembro. A única praza que outorga esta competición conseguiuna así o lucense Bernardo Traseira Rois.

O cazador lucense completou un fin de semana excepcional e que lle confirma como o gran dominador do Galego nas súas últimas edicións. A segunda posición na competición foi para o coruñés Manuel Mariño Fenda, que concluíu con dúas perdices capturadas; mentres que a terceira posición foi para o pontevedrés Valentín Álvarez Expósito, que acabou con dúas bolseiras e pechou as prazas de podio.