Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
A caza do raposo comezou con 84 pezas e sen protestas ecoloxistas
As dúas vindeiras fins de semana celébranse os campionatos galego e nacional desta modalidade
| M. Cernadas · 11/1/2009
O comezo da tempada de caza do raposo desenrolouse onte con total normalidade nos montes de Lugo, Pontevedra e A Coruña, nos que se abatiron un total de 84 animais. Os enfrontamentos dialécticos desta semana entre cazadores e ecoloxistas non pasaron á práctica. Varias asociacións anunciaron que se botarían ao monte para boicotear a actividade, pero finalmente non houbo protestas no que foi o primeiro día deste período de caza, que remata o vindeiro 8 de febreiro.
Os que están en contra destas cacerías critican a “crueldade” duns campionatos “apoiados e subvencionados polo Goberno autonómico”. Destacan que “serán decenas de raposos os que morrerán para a diversión insana de máis de mil supostos deportistas, que matarán gratis aos escasos supervivintes dos excesos dunha caza” que, din “xa provocou a desaparición case total doutras especies”.
Por outra banda, o presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón, deféndese destas acusacións. “A Federación entende e respecta posicións contrarias á caza en xeral, por argumentos morais, e non ten problema en compartir inquietudes cos grupos ecoloxistas nalgunhas cuestións, como o caso do lobo, pero nos seus argumentos referentes á caza do raposo faltan á verdade”, argumenta.
Ao contrario do que afirman os ecoloxistas, os cazadores aseguran que a caza do raposo está permitida en todas as comunidades autónomas españolas, e din ademáis que Galicia, Cantabria e Asturias son as únicas nas que só empregan armas para abatelos, e non aos cans.
Con ou sen protestas ecoloxistas, o certo é que nos tres campionatos provinciais de onte morreron 84 raposos. No de Lugo, os cazadores obtiveron 19 presas, e resultou gañador o equipo procedente de Baralla. A cuadrilla de Coristanco foi a que máis animais matou na provincia de A Coruña, na que en total caeron 34 pezas. En Pontevedra cazáronse as 31 restantes e o vencedor foi o grupo da Golada.
Gómez Cortón destacou que foi unha xornada “perfecta, sen incidencias, con un pouco de xeada e frío que despois desapareceu”. A vindeira fin de semana, os vencedores participarán no campionato galego, que terá lugar na comarca de Baralla, en Becerreá, e no que estarán de tres a cinco equipos de cada provincia.
Unha semana despois, Galicia acollerá tamén o campionato nacional, que está aberto a tódolos equipos que queiran participar, cun límite máximo de cen cuadrillas. A maioría proceden da comunidade galega e asturiana, xa que, como recoñece o propio presidente da Federación, este é “un deporte tipicamente galego”.
A xornada de onte finalizou cunha comida conxunta dos cazadores no polideportivo de Baio. Nesta localidade tivo lugar tamén o reconto de presas no que se amosaron os raposos mortos, outra das prácticas que denuncian os ecoloxistas.


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza