Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

 
MENÚ
Últimas novas
Buscar
Ver arquivo de novas
Ver novas por ano
Revista de prensa
Imprimir esta nova
Caza e gastronomía
| Xavier Castro · 15/5/2009
O home vén practicando a caza dende a Prehistoria. Algúns antropólogos sinalan que esta actividade tivo que influír notablemente na orixe da repartición de roles entre o home e a muller: esta, permanentemente embarazada ou tendo que darlles o peito aos fillos, tiña que permañecer na cova namentres o home saía fóra, á procura da caza que constituía o sustento da súa familia, á par da recolección de froitos silvestres, en expedicións que adoitaban prolongarse durante varios días. A preñez, a lactancia e o coidado dos críos ataron as mulleres ao domicilio ata que xurdiu a posibilidade da emancipación, derivada do control do embarazo mediante o emprego de procedementos anticonceptivos eficaces. Coa invención da agricultura, o exercicio venatorio convértese nunha actividade complementaria, que diversifica os riscos, pero en calquera caso pasa a revestir un papel menor. Deste xeito, os homes deixaron de estaren tan condicionados pola aleatoriedade que comporta a actividade cinexética.

O labrego non tiña apenas tempo de cazar. Tampouco adoitaba poder practicar a caza onde as pezas eran abondosas, pois os señores reservan privilexios de caza nos mellores coutos, cando non directamente o monopolio. Un refrán que andaba en beizos do pobo a comezos do século XX ponnos na pista dos paradoxos da caza no que concerne á problemática resolución da subsistencia do labrego: "Labrador cazador, coellos na despensa e fame no comedor". En efecto, a importancia da caza na dieta histórica do labrego non debeu ser moita. Achegáballe algo de diversión, e algunha que outra pequena ledicia para o seu padal en certos días especiais.

Acaba de aparecer nestes días un libro de Carmen Freire Vázquez: La cocina de la caza en Galicia. Un recetario entre la tradición y la innovación (editorial NigraTrea), que conta con comentarios de Cándido Barral Alvarellos, que nos ilustra convenientemente sobre o que acontece no montes galegos, antes de que o coello ou a perdiz cheguen aos fogóns. O libro achega case un cento de receitas de caza, probadas pola autora, boticaria de profesión e cociñeira vocacional das diversas pezas venatorias que voan, choutan ou se agochan entre os penedos e o ceo. Cándido Barral Alvarellos, experto e sensible cazador, glosa con suxestivos comentarios diversas facetas que ten a caza entre nós. Refire, por vía de exemplo, a significación que veu tendo en Galicia a caza do coello, especie moi abondosa en toda España, antes de que a desmara a mixomatose e máis o NHV.

Este tipo de caza constituíu decote en España unha actividade social, como reflicte Berlanga en La escopeta nacional. En Galicia, revestiu o carácter de acto de reafirmación tribal, de posta en contacto entre xeracións diferentes, de anuamento de vencellos interclasistas, e, ao cabo, foi tamén un xeito de convivencia e de amalgama entre veciños: "En las laderas, en los pueblos, los niños comienzan de marraleros y en las cuadrillas se reúnen el boticario con el tractorista, el maestro jubilado con el joven albañil, el cirujano que viene de la ciudad con el dependiente de la ferretería", comenta o citado autor.


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza