Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
SEMANA VERDE
A FGC participará na FECAP 2016 de Silleda con diversas actividades
8/6/2016

Dende mañá xoves e ata o vindeiro domingo día 12 celebrarase no Recinto Feiral de Silleda, en Pontevedra, a que será a terceira edición da feira FECAP ABANCA, coincidindo coa trixésimo novena feira SEMANA VERDE.

A Federación Galega de Caza preparou un ano máis un programa de actividades para este evento, que inclúe exhibicións, cursos, charlas, competicións e por suposto a presenza permanente dun stand no pavillón 4 do recinto.

O xoves e o venres as actividades estarán dedicadas aos máis novos, que durante toda a mañá poderán asistir a actividades de arco, a cargo das sociedades Cazarco e Arcodeza, e tamén á solta de paspallás e coellos nun biotopo que estará situado a carón do stand federativo.

O sábado pola mañá os visitantes poderán coñecer de primeira man a última disciplina deportiva incorporada ao catálogo de competicións da FGC: o Field Target. Trátase dunha disciplina de tiro ao branco que pretende simular a caza. Esta simulación recorre a brancos rebatibles,  distribuídos en distancias descoñecidas para o tirador, sempre con carabinas de aire comprimido e calquera tipo de elemento de puntaría como miras abertas ou visor telescópico. Haberá dous pases de exhibición desta disciplina o sábado pola mañá, e tamén o domingo pola tarde.

O mesmo día pero pola tarde, outra das máis recentes disciplinas da FGC cobrará protagonismo, pois terá lugar a unha proba puntuable para a Liga Autonómica de Agility, organizada polo clube Agility Compostela. Esta disciplina terá continuidade o domingo pola mañá, cando se celebrará o III Open Agility Semana Verde, tamén puntuable para a Liga Autonómica.

Durante a xornada do domingo concentraranse a meirande parte das actividades. A primeira delas será o curso de Soporte Vital Básico (SVB) e Primeiros Auxilios orientado ao mundo da caza, que estará impartido por Iria López Curbeira, Enfermeira do SERGAS. Nel os asistentes poderá saber como facer fronte ás urxencias médicas que mais comunmente poden surxir nunha xornada de caza.

Xa polo serán, celebrarase unha charla co título “Alimentación do can de caza”, impartida por Jesús Muñoz Martínez, veterinario e delegado de Márketing e Ventas de ARION, para coñecer de primeira man as necesidades alimenticias dos nosos compañeiros de caza e cómo satisfacelas axeitadamente.

Aqueles que asistan á charla terán tempo suficiente para acudir, un pouco máis tarde, á Exhibición das disciplinas de Cans de Parada e San Huberto que terá lugar no ring hípico do recinto, a cargo de varios campións provinciais, galegos e mesmo mundiais destas disciplinas deportivas, poñendo punto e final ao programa de actividades que a FGC preparou este ano para a FECAP de Silleda.

Por suposto tódalas actividades organizadas pola Federación Galega de Caza son gratuítas e abertas a todo o mundo, sen necesidade de inscrición previa.

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

CURSO FORMACIÓN
24/10/2023
Curso sobre a cría da perdíz

FESTA DA CAZA DE RODEIRO
18/11/2019
A climatoloxía non puido coa Festa da Caza de Rodeiro

CANS DE CAZA EN LALÍN
17/06/2019
II Exposición de Cans de Caza de Lalín

XORNADA SOLIDARIA
03/06/2019
A caza estará presente no 5º Día do Deporte Solidario de Área Central


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza