Na XVI edición da Festa de Caza de Lugo celebrada  en Portomarín participaron máis de 300 deportistas
  A pasada fin de  semana, tivo lugar no concello lucense de Portomarín a XVI Festa da Caza de  Lugo organizada pola Federación Galega de Caza de Lugo e a Asociación Lucense  de Caza. 
  Dúas xornadas de  apoxeo cinexético no que os montes de Portomarín foron un fervedoiro de  cazadores, congregándose na cita máis de 300 deportistas nas diferentes  modalidades celebradas.
  Na xornada do  sábado 26 de maio, disputouse no Monte do Cristo o campionato provincial de Compak Sporting, sendo o tirador  coruñés Eliseo Faraldo Fernández o gañador absoluto da Proba e Mario González  Yáñez o segundo clasificado e Campión Provincial. Na categoría de veteranos o  gañador foi José González Yáñez, na mentres que Artemio Formoso Barro impoñíase  na categoría de Handisport.
  Xa na xornada  dominical de onte 27 de maio tiveron lugar o resto de campionatos. Foi, o tamén  tirador da provincia de A Coruña, Antonio Iglesias Otero o que se impoñía na  clasificación absoluta de Percorridos de  Caza, namentres que o lucense Manuel Villar Arroyo se convertía no novo  campión provincial da modalidade. En veteranos o primeiro posto foi para José  María González Rodríguez. Na categoría de Handisport repetía primeiro posto o  tirador Artemio Formoso Barro.
  Na modalidade de  Caza San Huberto, o primeiro posto  da clasificación xeral e campión provincial recaeu no cazador René Vale García  co seu setter “Eden”. O segundo posto ocupouno Andrés Pena Vázquez co seu grifón  kortals “Piti” e José Ignacio Pérez Pérez co pointer “Zar” quedaba en terceira  posición.
  En Caza Práctica, os clasificados foron os  pertencentes á categoría de británicos, sendo Andrés Pena Vázquez co setter  inglés “Yan de Bosende” o campión da proba. O setter inglés de nome “Patrón”  propiedade de José María Carnota acadaba o segundo posto namentres que o  terceiro caixón do podio era ocupado por José Luís Méndez Tesouro co setter  inglés “Arco”.
En Rastro  de Xabaril o pontevedrés Francisco Rodeiro Eiras co seu can “Sildos” acadou  o primeiro posto da clasificación absoluta. O gañador provincial da modalidade  foi o monteiro Iván Fernández Pereira con “Touré”.