CURSO INICIACIÓN TIRO XUVENTUDES
Curso de Iniciación ao Tiro para as Xuventudes
29/04/2024

O 27 de abril tiña lugar nas instalacións da Sociedade Deportiva Río Sar unha xornada de Formación e Iniciación ao Tiro para as xuventudes cazadoras galegas.

Un total de 14 rapaces e rapazas citáronse no Campo de Tiro Río Sar para participar nesta xornada formativa que se plantexou baixo un formato teórico e práctico.

José Moure Caneda, secretario xeral da FGC e xuíz das disciplinas de compak e percorridos de caza, foi o encargado de impartir as nocións teóricas sobre a seguridade coas armas, a composición das escopetas, as culatas, etc. Moure tamén estivo acompañado do Delegado Autonómico de Tiro, Daniel Cebreiro, que contando cun amplo palmarés tamén deu apuntes precisos na parte teórica e práctica da xornada.

Na segunda parte da maña, os rapaces trasladáronse a unha das canchas de tiro para xa dun xeito personalizado e práctico adquiriran coñecementos sobre as diferentes fases do tiro. Encares, adelantos ou correccións de malas costumes foron algúns dos puntos nos que José Moure e Daniel Cebreiro fixeron fincapé.

Cebreiro, un dos tiradores galegos co palmarés máis amplo, fixo unha intervención personalizada a cada rapaz para facer melloras e correxir erros á hora de afrontar os lances, a axeitada colocación ante o disparo ou o seguimento do obxetivo, entre outros.

As Xuventudes pola Caza, organizadores deste curso, fixeron unha valoración moi positiva do evento ao tempo que agradeceron a colaboración da FGC, dos ponentes e da Sociedade Deportiva Río Sar.