![]() |
PROVINCIAL DE PONTEVEDRA DE COELLO |
O lote propiedade de Arosa Dasilva proclamouse campión provincial na Lama |
2025-09-22 |
XXXI Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre Coello “Xunta de Galicia” No concello da Lama e concretamente nos terreos do Tecor San Bartolomé de Xesta, desputábase, o pasado sábado 20 de setembro, o XXXI do Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre Coello “Xunta de Galicia”. O campionato contou coa organización da Federación Galega de Caza en Pontevedra e coa colaboración da Sociedade de Cazadores do mencionado terreo cinexético. José Alonso, Óscar Esparís, Ramón Collazo e Francisco Vázquez foron os xuíces da proba e José Manuel Martínez o Director da mesma. Con humidade e boa densidade de coellos trascorreu esta xornada cinexética deportiva na que se visualizaron grandes lances por parte dos lotes de cans participantes e que non deixa de ser un preludio da apertura da tempada xeral de caza en Galicia. O cazador Marcelo Arosa Dasilva presentábase nesta proba co lote de beagles composto por “Bora, Maya, Leroy e Martín” co cal acadou unha puntuación de 600 puntos e proclamouse novo campión provincial da modalidade. Alfonso Rey Baulde con “Fara, Fura, Eira e Xesta” foi o subcampión con 580 puntos. Con 500 puntos remataba Víctor Casqueiro Casqueiro en terceira posición cos cans "Blanca, Perla, Toxo e Pancho" e Javier Sánchez era o cuarto clasificado. O podio representará a Pontevedra na desputa do autonómico da especialidade a celebrar este sábado 27 de setembro no Tecor da Cañiza (Pontevedra). A cadela “Maya” propiedade do campión provincial Marcelo Arosa tamén obtivo o galardón de Mellor Can con 160 puntos. Este Campionato contou coa colaboración de Pensos Bichoucos e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia e Mutuasport. |