COMUNICADO DA RFEC
A RFEC solicita unha simplificación administrativa e ferramentas para o control poboacional na modificación do regulamento de armas
09/03/2026

A entidade eleva no trámite de consulta pública previa achegas que contan cun amplo aval do sector cinexético, e que apostan por unha normativa técnica, proporcional e adaptada á realidade do século XXI.

A Real Federación Española de Caza (RFEC) presentou as súas achegas á consulta pública previa para a modificación do Regulamento de Armas impulsada polo Ministerio do Interior. Tras a finalización do prazo de participación este pasado domingo, a entidade fixo público o documento técnico elaborado xunto ás federacións autonómicas de caza, co obxectivo de contribuír a unha normativa moderna, proporcionada e adaptada á realidade do século XXI.

A RFEC, entidade máis representativa do sector cinexético español con máis de 330.000 federados, defende que a futura reforma debe basearse en criterios técnicos, seguridade xurídica e simplificación administrativa, tendo en conta a realidade dun colectivo que utiliza de forma legal e supervisada a gran maioría das armas civís rexistradas en España; e considerando o novo paradigma do desenvolvemento cinexético, condicionado polo seu labor de xestión e control de sobreabundancia de especies.

Simplificación administrativa, maior accesibilidade a instalacións de tiro e adecuación ao novo contexto

Entre as principais propostas presentadas destaca a simplificación administrativa mediante a unificación das actuais licencias D e E nun único título habilitante para a caza, unha medida que permitiría reducir trámites innecesarios sen rebaixar os actuais estándares de seguridade e control, nun contexto de claro transvasamento de usuarios da caza menor á maior, demandado polo imperativo escenario de control da PPA.

O documento tamén subliña a importancia de reforzar a formación e o adestramento dos usuarios, tal e como expón o Ministerio público. Con todo, a Federación defende que a consecución destes obxectivos compartidos non pode ser á conta de máis trabas e esixencias ao regulado, senón mediante a paulatina integración da formación en materia de armas nos procedementos de obtención de licenza de caza que xa efectúan os novos cazadores a través da Federacións, e facultando un máis temperán e fácil acceso a unha formación regrada en materia de armas. Neste sentido, a entidade esixe no seu escrito unha maior flexibilidade na habilitación e uso dos campos de tiro —tanto fixos como eventuais— como espazos esenciais para a práctica segura da actividade e o adestramento co uso das armas.

Con relación ao contexto de sobreabundancia poboacional, e en coherencia coas demandas de moitas comunidades autónomas, a federación esixe que o Regulamento de Armas deixe de ser un escollo para o pleno desenvolvemento das competencias autonómicas en materia de caza e para a potencial efectividade nos labores de xestión dos cazadores.

Así, solicita exprésa autorización de dispositivos de comunicación como os pinganillos, a flexibilización no uso de moderadores de son, ou a total dispoñibilidade do calibre .22 para as modalidades de caza e controis poboacionais que as autonomías consideren adecuadas, co obxectivo de optimizar a eficacia do sector na xestión da fauna silvestre.

En canto á regulación de armas tácticas ou a limitación do número de armas demandada polo Ministerio de Interior, a Real Federación Española de Caza trasladou a súa oposición a calquera medida que non se base en parámetros técnicos obxectivos, e que dea lugar a interpretacións subxectivas da norma, como poderían ser os criterios estéticos. En todo caso, a federación expuxo ao instituto armado a súa vontade de implicarse e colaborar na reforma e solución daqueles aspectos que verdadeiramente puidesen constituír un risco para a seguridade cidadá.

Demandas cun amplo respaldo do sector

O presidente da federación, Josep Escandell, destacou a importancia desta fase do proceso normativo. “Trasladamos á Garda Civil unha folla de roteiro realista para que o futuro Regulamento de Armas non se converta nunha barreira para quen cumpre a lei, senón nunha ferramenta útil que recoñeza a responsabilidade do sector. A nosa vontade de colaboración co Ministerio do Interior e co instituto armado é total para lograr unha norma tecnicamente sólida e que achegue seguridade xurídica”, sinalou.

Escandell valorou moi positivamente a unidade do sector nas demandas: “son peticións que aglutinan as sensibilidades de todas as Federacións autonómicas de caza, pero tamén de moitas outras entidades do sector cinexético que subscriben a nosa vontade: combater as condutas ilícitas sen impoñer restricións xerais a quen realiza un uso legal, responsable e plenamente supervisado das armas”.