IMPORTANCIA CAZA
A Federación Galega de Caza celebra a decisión do Congreso dos Diputados que insta ao Goberno a que fomente a actividade cinexética
17/10/2012

Esta proposición non de Lei aprobada pola  Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do Congreso dos Deputados, deixa claro a contribución da caza a nivel económico, en especial no medio rural.

A Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do Congreso dos Deputados, en sesión celebrada o pasado 26 de setembro, acordou aprobar unha Proposición non de Lei, na que “o Congreso dos Deputados, tras considera-la importancia da actividade cinexética no conxunto do sector primario español, insta ao Goberno de España a que, en colaboración coas Comunidades Autónomas, adopte medidas de impulso e fomento da actividade cinexética a fin de contribuír ao desenvolvemento económico e á creación de emprego estable no medio rural, así como á protección dos recursos naturais e da biodiversidade

Esta iniciativa pon de manifesto a importancia da caza non só a nivel social, senón tamén a súa transcendencia económica e medio ambiental para o desenvolvemento do país, en especial  para as zonas rurais.          

Calcúlase que a caza move en España máis 3.000 millóns de €uros, o que supón un importante peso económico principalmente nestes momentos de dificultades para xerar riqueza e crear emprego.

Se as cifras as trasladamos á economía galega, a caza xa non só é unha actividade deportiva e de ocio vencellada á protección, conservación e recuperación do medio natural, senón que representa tamén un importante pilar económico, cun volume de negocio arredor dos 95 millóns de euros, e con máis de 5000 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. Con estas cifras non é de extrañar que finalmente os poderes públicos empecen a decatarse da súa importancia como patrimonio natural pero tamén económico. O Presidente de EEUU acaba de proclamar o Día Nacional da Caza recoñecendo así a importante contribución dos cazadores á conservación da vida silvestre e da economía do país, agora o Congreso dos Deputados de España semella recoñecer tamén o seu valor, só falta que, esta declaración de intencións, se transforme nun compromiso con propostas concretas por parte do Goberno Central e do novo Goberno da Xunta de Galicia de cara a promover esta actividade deportiva que á súa vez parece ser capaz de xerar crecemento e riqueza, cando outros sectores económicos clave están a tocar fondo, recoñecendo así a súa repercusión tanto desde o punto de vista económico como medio ambiental e social.

A Federación Galega de Caza, consciente da importancia da caza, está a realizar un Estudo sobre a repercusión económica e social desta actividade en Galicia, xa é o segundo traballo destas características que realiza;  no primeiro, realizado no ano 2009, “Estudio socioeconómico da caza e perfil do cazador galego” xa se poñía de manifesto que a Caza estaba a crear un novo sector económico na Comunidade Autónoma. Nas vindeiras semanas a FGC dará a coñece-los resultados deste novo traballo.