NOVA LEI DE CAZA
A FGC comeza unha nova rolda de entrevistas cos responsables da caza reuníndose co Director Xeral de Conservación
14/2/2013

A comisión de caza da FGC reuníase onte a última hora da mañá, cos responsables da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para transmitir a postura federativa sobre o anteproxecto aprobado polo Consello da Xunta. Como cabalo de batalla, a responsabilidade polos danos producidos polas especies de caza e as zonas de seguridade; á saída da xuntanza os responsables federativos manifestaban respecto ao tema de danos e de seguridade “non estamos dispostos a ceder nin un ápice”.

Dentro dun par de semanas, a comisión federativa, encabezada polo Presidente, Javier Nogueira, e da que forman parte ademais dos Presidentes Provinciais, o Vicepresidente, o Secretario, o Tesoureiro e a Asesora Xurídica, reuniranse novamente co Conselleiro de Medio Ambiente; do resultado desa xuntanza dependerán as accións que adopte posteriormente a Federación Galega de Caza, de cara a transmiti-lo sentir das sociedades e dos cazadores galegos sobre esta lei.