LUMES
Medio Rural e a FGC asinan un convenio de colaboración para a prevención e extinción dos incendios forestais
5/3/2013

Firmábase onte en Santiago de Compostela

O Presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, e o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, mantiñan onte unha xuntanza amadriñada pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, onde rubricaban o convenio no que veñen traballando nos últimos meses.

Mediante este acordo, que estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro do presente ano, a Federación Galega de Caza comprométese a levar a cabo tarefas de divulgación das distintas medidas preventivas dos incendios forestais entre os cazadores federados, informar á Consellería de calquera situación que puidese ser importante para a prevención e loita contra o lume, e en definitiva colaborar activamente cos distintos servizos e forzas implicadas na prevención e defensa dos incendios forestais.

A Consellería comprométese, pola súa banda, a formar aos cazadores e sociedades de caza sobre todas aquelas accións de prevención e defensa contra os incendios que poidan levar a cabo, organizando xuntanzas e coordinando protocolos de actuación e comunicación. Así mesmo tentará coordinar, a través do distritos forestais e as sociedades de caza, medidas de mellora de hábitat que poidan, así mesmo, contribuír á prevención e minoración dos efectos do lume.
Unha vez rematado o acto, o Secretario Xeral do Medio Rural e o Presidente da Federación Galega de Caza fixeron unha valoración positiva da firma deste convenio, xa que ven a poñer en valor o coñecemento do monte por parte dos cazadores e a contribución dos mesmos para unha mellor convivencia no espazo natural do que disfrutan.

Representantes de ambas entidades velarán polo bo cumprimento deste convenio que sen dúbida será un apoio importante na loita contra esta importante lacra.

Se ve lume ou calquera outro incidente relacionado con el chame ao 085