PROBAS ARCO
Nota aclaratoria sobre probas de arco disputadas en Galicia
5/3/2013

En relación coas novas publicadas en varios medios de comunicación na segunda quincena do pasado mes de febreiro acerca da celebración en Laracha (A Coruña) da primeira proba puntuable do Campionato Galego (tamén denominado Liga Galega) de Caza Simulada con Arco, dende esta Federación Galega de Caza queremos puntualizar algunhas cuestións para evitar equívocos e malas interpretacións.

As competicións de caza con arco, xa sexa real ou simulada, están baixo a disciplina e tutela da Federación Galega de Caza, quen organiza, en colaboración coas sociedades ou clubs deportivos pertencentes á mesma, este tipo de actividades, sempre ao amparo das correspondentes normativas e regulamentos que pretenden garantir o seu correcto funcionamento.

En Galicia, a única convocatoria oficial de caza con arco é o Campionato Galego que, nas distintas modalidades regulamentadas, é organizado pola Federación Galega de Caza, constando de 5 probas puntuables, das cales, para cada modalidade, súmanse os 3 mellores resultados de caza participante, resultando desta forma, por unha banda os campións galegos das distintas modalidades e, por outra, incluídos os anteriores, os competidores que formarán parte da Selección Galega que nos representará nos campionatos nacionais.

A efectos aclaratorios cabe indicar que, na provincia da Coruña, o único clube pertencente á Federación Galega de Caza e, por tanto, autorizado a realizar ditas competicións de caza é Arco Hércules, clube que o vindeiro 10 de marzo organizará na cidade da Coruña, máis concretamente na zona de Bens, o Campionato Provincial.

A inscrición en calquera das 5 probas das que actualmente consta este Campionato Galego oficial de Caza con Arco é aberta a calquera persoa que cumpra cos seguintes requisitos:

  • Estar federado na Federación Galega de Caza
  • Acudir á competición en representación dunha sociedade federada na Federación Galega de Caza
  • Coñecer o regulamento de competicións que, xunto coa convocatoria das tiradas, están a disposición de todos na web da Federación

O que se pretende con esta nota non é outra cuestión máis que deixar claro a todos aqueles interesados neste tipo de competicións de tiro con arco que, no que se refire única e exclusivamente ao ámbito da caza na CC.AA de Galicia, o único ente potentado pola Administración Autonómica para a celebración  de competicións oficiais é a Federación Galega de Caza, non estando no noso ánimo que esta nota xere controversia nin disputas coa Federación Galega de Tiro con Arco, entidade coa que, por outra parte, mantemos excelentes relacións, nin con outras asociacións, clubs, legalmente constituídos, e vinculados a esta disciplina deportiva na nosa Comunidade pois, en todas aquelas competicións non vinculadas coa caza, somos totalmente conscientes de que terán atribuídas plenas potestades para a realización das correspondentes probas deportivas.

Postos en contacto coa Federación Galega de Tiro con Arco, maniféstannos estar totalmente de acordo co contido desta nota e puntualizan que nada teñen que ver co campionato ou liga en cuestión, non formando parte do seu calendario de competicións.