PREMIOS MUDEGA
A caza, premiada na II Gala do Deporte Feminino Galego
12/3/2013

Milladoiro acolleu a entrega de premios deste ano

Por segundo ano, a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) celebraba o pasado sábado a Gala do Deporte Feminino Galego, co que a asociación trata de dar maior visibilidade e recoñecemento nos medios ao deporte feminino na comunidade galega.

Este ano entre as deportistas e iniciativas premiadas atopábase unha relacionada co mundo cinexético: a II Montería Feminina de Galicia, organizada por “Monteros Galaicos” en colaboración coa Federación Galega de Caza e a Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia recibía o recoñecemento á mellor iniciativa en prol do deporte feminino.

O Presidente de “Monteros Galaicos”, Óscar Garriga, foi o encargado de recoller o premio nesta gala que tivo lugar na localidade coruñesa de Milladoiro, no Concello de Ames, onde estivo presente o tesoureiro da Federación Galega de Caza, Manuel Pérez Requejo, como representante federativo.

Mudegá tivo difícil a entrega de recoñecementos debido ao excelente ano que foi 2012 en canto a deporte feminino, polo que tres medallistas olímpicas (Tamara Echegoyen, Sofía Toro e Begoña Fernández) compartiron o premio á mellor deportista galega do ano.

O resto de recoñecementos repartíronse do seguinte xeito: promesa, María Vilas (natación); adestrador, Rogelio Sabio (rugbi); directivo, Juan Vázquez (fútbol); árbitro, Dolores Rojas (atletismo); clube, Natural Sport (taekwondo); traxectoria, Teresa Portela (piragüismo); medio de comunicación, La Voz de Galicia; institución pública, Concello de Porriño; institución privada, Mecalia.