CONSERVACIÓN
Unha campaña da Federación Galega de Caza para impulsar o compromiso dos cazadores na conservación do medio natural galego
30/5/2013

A Federación Galega de Caza impulsa un proxecto que se propón acabar dunha vez por todas cun vello mito: o de que a caza e a conservación da natureza son inimigas. A forma en que os cazadores xestionan os seus montes, os TECORES ou terreos cinexéticamente ordenados, experimentou cambios moi importantes. Hoxe en día, os cazadores comprenden que á hora de cazar teñen que respectar unhas cantidades limitadas, unhas épocas de veda, uns terreos de reserva. Se non se fai así, todos os seus esforzos por coidar a caza esgotaranse rapidamente. E comprenden tamén que unicamente uns hábitats ben preservados albergarán poboacións abundantes de coellos e perdices, de corzos ou xabarís. Hai que ter en conta que o principal problema medio ambiental na actualidade é a perdida dos hábitats naturais. Por iso, caza e conservación son dous grandes aliados, por que teñen un importante obxectivo en común: a protección e a recuperación do medio natural.

Tradicionalmente, a Administración ten sido a principal encargada de velar pola protección do medio ambiente. Actualmente, a percepción da magnitude do problema, e a toma de conciencia de que todos os recursos dedicados a esta tarefa son poucos levou a que outros sectores da sociedade se vaian implicando pouco a pouco nesta loita. Unha das formas de implicación é a sinatura de acordos entre propietarios de terreos e organizacións non gobernamentais con fins de protección. Os propietarios, ou ben outros usuarios (agricultores, gandeiros...), comprométense a respectar certos valores naturais, ou incluso a recuperalos activamente. A cambio reciben das ONGs apoio e asesoramento, así como recoñecemento pola súa labor.

En torno a un 90% do territorio galego, uns 2,6 millóns de hectáreas, son na actualidade  terreos dedicados á caza. Unha parte importante deles están incluídos en espazos naturais protexidos. Ademais, 50.000 galegos son cazadores. Estas cifras dan unha idea da importancia do sector, e supoñen que á hora de protexer a natureza galega, a caza é un factor clave a ter en conta. Esa gran superficie, e ese gran número de persoas orientadas a conservar o medio natural son unha forza que non pode ser ignorada, e que a Federación Galega de Caza se propón mobilizar. A forma elixida para facelo é mediante acordos para a conservación entre a Federación Galega de Caza e as sociedades de cazadores. A día de hoxe, 25 sociedades de cazadores asinaron un destes acordos coa Federación. Iso representa en torno as 165.000 hectáreas onde os cazadores poñerán en práctica actuacións de conservación da natureza. Estas cifras sitúan a Federación Galega de Caza no grupo de cabeza de entidades que a nivel español traballan con esta fórmula de conservación da natureza. E a superficie e os Tecores seguen a aumentar.

Entre estas actividades cómpre destacar:

  • A loita contra os incendios forestais, realizando rozas selectivas en zonas de mato, e colaborando na vixilancia e investigación de lumes.
  • A execución de traballos de mellora e recuperación de hábitats naturais e poboacións de fauna cinexética.
  • Dar prioridade aos animais de xenética autóctona cando se realicen repoboacións.
  • Un compromiso coas boas prácticas de xestión cinexética, como son unha axeitada regulación das capturas para garantir a súa sostibilidade, e un estrito cumprimento de todas as normas que regulan a caza.
  • Realizar censos e seguimentos de fauna, para coñecer como evolucionan as súas poboacións, e intervir en caso de detectar algún problema.

A cambio, as sociedades de cazadores participantes recibirán da Federación apoio e asesoramento técnico para poñer en práctica estas medidas e aproveitar os seus recursos de forma sostible.

A  Federación Galega de Caza valora moi positivamente o alto nivel de implicación con que os cazadores están respondendo a esta iniciativa, e móstrase convencida que este proxecto suporá un importante avance para a defensa do patrimonio natural galego. Espera tamén que este esforzo en protexer a natureza sexa recoñecido, e que os traballos das sociedades de cazadores en prol da conservación se difundan a toda a sociedade.