LEI DE MONTES
A ONC volve a analizar co Goberno as necesidades dos cazadores
5/6/2013

A Oficina Nacional de la Caza mantivo unha xuntanza a pasada semana para seguir avanzando na futura Lei de Montes estatal, na que leva tempo traballando en co grupo F7, do que forma parte a Federación Galega de Caza.

O pasado 28 de maio foi a data na que a ONC se sentaba co Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente para debater diversos temas da Lei de Montes. Entre os asistentes por parte da ONC atopábanse Juan Antonio Sarasketa, Fernando Tello –Presidente da Federación Aragonesa e representante do F7-, Luis Fernando Villanueva –APROCA España- e Fabián Llana –da Asociación de Empresarios Españoles Fabricantes de Cartuchería de Caza y Competición (AFEC)-, quen representaban a máis de 400.000 cazadores.

O obxectivo primordial da xuntanza foi expoñer a Begoña Nieto, Directora General de Desarrollo Rural y Política Forestal, as propostas de modificación do borrador da Lei de Montes elaboradas pola ONC, en colaboración co F7, nos últimos meses. As principais demandas dos cazadores céntranse na necesidade dunha coordinación entre as comunidades autónomas, tanto para a elaboración das suas ordes de vedas como para o desenrolo de todo tipo de programas e proxectos conxuntos como censos de especies, homologación de métodos de control de depredadores, etc.

Tamén se destacaba a necesidade de outorgar o uso exclusivo do monte ao titular do acoutado cinexético ou organizador da cacería en actividades de caza maior, co fin de aumentar a seguridade das persoas.
Finalmente, a ONC expuxo a súa conformidade cos cambios introducidos na Lei no relativo aos danos na agricultura provocados por especies cinexéticas e a responsabilidade nos accidentes, aínda que lembrando realizar pequenos matices xa expostos nas alegacións anteriores.