LEI DE CAZA
A Consellería cambia a redacción dos artigos máis controvertidos
27/6/2013

As últimas negociacións co Conselleiro de Medio Ambiente e co representante parlamentario do Grupo Popular foron decisivas.

Tras uns meses de duras e intensas negociacións coa Consellería de Medio Ambiente, e con representantes dos diferentes grupos parlamentarios, o último texto do Anteproxecto da Lei de Caza de Galicia co que está a traballar a Consellería nos últimos días incorpora boa parte das achegas federativas, principalmente na “responsabilidade por danos” onde a nova redacción recolle, entroutros, que no caso dos danos a cultivos  responderá o titular do tecor salvo que exista culpa ou neglixencia do prexudicado ou dun terceiro; o novo texto establece como novidade que o prexudicado, tanto nos accidentes de circulación como nos cultivos, debe comunica-lo sinistro ao titular do terreo cinexético para que este poida efectuala súa valoración, esta redacción proposta pola FGC é fundamental para a defensa das sociedades de caza nos procesos xudiciais.

No artigo referente á “vixiancia cinexética” tamén se tivo en conta a proposta da FGC e suprimíronse as excesivas competencias que a Lei atribuía aos axentes forestais, entroutros, acceder e entrar libremente, en calquera momento e sen aviso previo, en todo tipo de terreos e instalacións, tomar ou sacar mostras de substancias e materias, realizar vídeos, obter fotografías, gravar imaxes, etc.

E por último, no relativo ás “zonas de seguridade” as vías públicas quedan acoutadas a aquelas que estean debidamente sinalizadas, sen embargo, a pesar de que unha correcta interpretación deste artigo deixa claro que os carreiros e camiños pouco transitados non serían vías públicas debidamente sinalizadas e por tanto tampouco serían zonas de seguridade, a FGC pretende que se vaia máis aló, e que por parte da Consellería se dean instrucións concretas neste senso aos servizos de vixiancia para unha correcta interpretación deste apartado.

A Federación Galega de Caza avalía positivamente a nova redacción dos artigos anteriores, que foron os que causaron máis polémica, pero seguirá insistindo noutros retoques durante a tramitación parlamentaria.