XUNTANZA
A FGC preséntase ante a nova Directora Xeral de Conservación da Natureza
8/8/2013

Verónica Tellado Barcia substitúe no cargo a Ricardo García Borregón-Millán

Na mañá de hoxe 8 de agosto, Javier Nogueira Diz, presidente da Federación Galega de Caza, mantivo unha xuntanza con Verónica Tellado Barcia nova Directora Xeral de Conservación da Natureza. En dita xuntanza tamén estivo presente Susana Eva Cuesta Fariña que tamén afronta o novo cargo de Subdirectora Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

O representante federativo comezou a reunión felicitando a Directora e Subdirectora polos novos cargos acadados, desexándolles sorte e éxitos nesta nova andaina ao tempo que lle tendía a man da Federación Galega de Caza para a colaboración en todo o relacionado a actividade cinexética na nosa comunidade.

No transcurso da xuntanza, Nogueira Diz, deulles a coñecer a estrutura e funcionamento de todo o relacionado coa Federación Galega de Caza así como diferentes apuntes de actualidade da caza na nosa terra.

O presidente federativo fixo fincapé na necesidade dunha maior posta en valor da caza ao tempo que remataba a súa intervención con diferentes propostas de colaboración entre a FGC e a Administración.

O presidente da Federación Galega de Caza valorou moi positivamente o encontro, sinalando o interese mostrado pola Directora e Subdirectora en todo o relacionado coa caza e a Federación.