OBSERVATORIO DA CAZA
A FGC ultima a preparación do Estudo sobre a repercusión económica e social da caza en Galicia
25/9/2013

Varios responsables federativos reuníanse esta semana con María José Ginzo, técnico do Servizo de Consultaría de Estatística da Facultade de Matemáticas da USC, para levar a cabo unha última análise dos datos obtidos antes da publicación do estudo sobre a repercusión económica e social da caza en Galicia. Con este traballo preténdese, ademais de actualizar os datos do último traballo realizado no ano 2009, coñecer tamén a situación económica e social do sector nestes momentos de crise.

A recollida de información para este estudo realizouse a través dunha enquisa elaborada pola Federación Galega de Caza, estruturada en 3 bloques, que constaban de 24 preguntas de carácter pechado, onde os enquisados deberían escoller unha ou varias das diferentes opcións posibles, o que permitiu que se puideran considerar os datos cun carácter cuantitativo, e polo tanto perfectamente medibles e tratables con métodos estatísticos.

A mostra realizouse mediante un cuestionario que foi cuberto in situ por un total de 516 cazadores de toda a xeografía galega, elixidos de xeito aleatorio, durante a tempada cinexética 2012/2013.

Nas vindeiras semanas a FGC fará publico este estudo quen sen dúbida poñerá de relevo a grande importancia da caza a nivel social e económico na nosa comunidade.