VISITA |
Futuros coidadores do medio natural visitan a FGC para coñecer a súa actividade e a súa visión do monte e a caza |
24/2/2014 |
Na mañá do pasado venres, a Federación Galega de Caza acollía na súa sede, no Estadio Multiusos de San Lázaro en Santiago de Compostela, a visita dun grupo de estudantes do Curso de Protección e Control do Medio Natural que se está impartir no centro de Formación San Paio do Monte, CIFP Santiago. O motivo da visita era coñecer o funcionamento da Federación Galega de Caza, como entidade representante do colectivo cinexético galego, así como achegar o punto de vista dos cazadores a estes futuros vixiantes do medio natural. A charla estivo conducida polo Presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, quen comezou dando un breve repaso ás actividades e funcionamento da Federación, para logo dar paso a unha rolda de preguntas onde os asistentes lle achegaron as súas dúbidas, inquedanzas e suxestións ao Presidente, algunha incluso dende un punto de vista diverxente coa actividade da caza. Un debate que desgraciadamente non se pode levar a cabo de cotío nun ambiente tan cordial e divulgador. Qué tipo de caza defende a FGC, cal é o seu papel á hora de lexislar en materia cinexética, os cans de caza, a seguridade, a regulación dos Tecores, os menores de idade na caza, a motivación e a paixón que move a un cazador a ir ao monte, os colectivos anti-caza, a visión dos cazadores pola sociedade e outros tantos foron os temas que xurdiron ao longo da xornada. Esta dualidade de opinións, que sen dúbida enriqueceu un debate dinámico e aberto, transcorreu ao longo dunha mañá na que tanto asistentes como o propio Presidente da FGC gozaron transmitindo o seu punto de vista, e que culminou cun acordo entre ambas partes para achegar unha proposta de formación en materia de protección do monte galego máis colaborativa entre os propios “vixiantes” e os cazadores, dous entes que deben colaborar e axudarse mutuamente. |