XUNTANZA
O Delegado do Goberno en Galicia recibe á Federación Galega de Caza
7/4/2014

O pasado venres, 4 de abril, unha comisión da FGC formada polo Presidente, Javier Nogueira,  e polos Presidentes Provinciais Manuel Saa, Francisco López, Antonio García e Francisco Couselo, era recibida polo Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

Durante a xuntanza, os responsables federativos, plantexáronlle ao delegado do Goberno diversas cuestións relacionadas co Regulamento de Armas, entre os que cabe sinalar o uso de auriculares (pinganillo) conectados a emisoras de radiofrecuencia cando se están practicando determinadas modalidades de caza maior, así como outros temas de interese para os cazadores como as medidas precautorias na custodia das armas,  a modificación que se pretende introducir á Lei do Deporte estatal, e diversas cuestións relacionadas coa incidencia dos antecedentes na renovación dos permisos de armas.

En canto ao tema dos auriculares (pinganillo) conectados a emisoras de radiofrecuencia autorizadas para a caza, cuxo uso sempre defendeu a Federación Galega de Caza -de feito existen informes federativos que avalan a súa utilización como medida de seguridade que axuda a reducir notablemente o risco de accidentes-, o Delegado do Goberno considera que existe unha oportunidade no desenvolvemento de Lei Galega de Caza, por tratarse dunha fonte de dereito máis específica, no marco dunha competencia transferida á Comunidade Autónoma. Precisamente neste senso, a FGC ten comprobado que a nova Lei de Caza de Galicia, a diferenza da anterior, establece no seu articulado un capítulo relacionado coas armas, municións e outros dispositivos auxiliares, non contemplándose a prohibición do uso de cascos ou auriculares conectados a emisoras de caza, non obstante a FGC tratará de que se recolla máis especificamente no desenvolvemento regulamentario.

Samuel Juárez, gran coñecedor das casuísticas cinexéticas, amosouse receptivo a tódolos plantexamentos realizados polos representantes dos cazadores.