FECAP 2014
A FIG celebrará do 12 ao 15 de xuño un novo certame centrado na caza, pesca e natureza, a FECAP 2014
28/4/2014

Será o único da comunidade con esta temática

A Feira Internacional de Galicia incorpora ao seu calendario un novo certame, a I Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap 2014, a cal se celebrará do 12 ao 15 de xuño de forma paralela á 37ª edición da Semana Verde de Galicia.

Esta feira, a única coa súa temática na comunidade, preséntase como un punto de encontro para profesionais e afeccionados á caza, á pesca e ás actividades no espazo natural. Un foro que permitirá mostrar e coñecer as últimas novidades en produtos e propoñer e analizar distintos aspectos destas actividades deportivas e de ocio, ao tempo que contribuirá á dinamización duns sectores que xeran unha importante actividade económica en torno a eles.

Coutos de caza e pesca, xestión cinexética, cetraría, organizadores de cazarías e viaxes de pesca, piscifactorías, equipamento e accesorios, federacións e asociacións, empresas de formación, espazos naturais, actividades ao aire libre ou medio, serán algunhas das áreas que contempla FECAP 2014. 

Á exposición unirase un completo programa conformado por actividades relacionadas, no cal se incluirán tanto propostas para ser contempladas polos visitantes coma outras nas que estes poderán participar.

Respaldo do sector na primeira reunión do Comité

As instalacións da Dirección Xeral de Conservación dá Natureza, en Santiago, acolleron onte a primeira reunión do Comité Organizador de FECAP 2014, na cal se perfilaron distintos aspectos da organización da feira, tales como promoción, comercialización e deseño de actividades.

Ao encontro acudiron a Directora Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Lameira Castro, e o xefe de área desta entidade Enrique Pérez; e os subdirectores de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Susana Cuesta, e de Espazos Naturais e Biodiversidade, José Manuel Blanco, así como o Director Xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán. Unha participación que deixa patente o apoio da Xunta de Galicia á feira, o cal se une ao de 11 importantes agrupacións e empresas vinculadas cos seus sectores que estiveron presentes con 14 representantes e confirmaron o seu respaldo á FECAP.

Así, asistiron diversos cargos das Federacións Galegas de Caza e Pesca, Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, Club de Pesca de Río Deza, Federación Galega de Tiro Olímpico, Asociación Galega de Cetraría, Unión de Tecores de Galicia e Asociación de Propietarios Rurais para a Xestión Cinexética e Conservación do Medio (APROCA). Ademais, do ámbito empresarial participaron representantes de Armisport, Tecsages, Decathlon e Cinexética Monteagudo.