GALEGO PAXARILES
Plumas cantoras en Narón
21/5/2014

XVIII Campionato Galego de Paxariles

Na xornada dominical do 18 de maio tiña lugar a fase autonómica de Silvestrismo no que o concello de Narón, concretamente o campo de fútbol Río Seco, era o escenario deste Campionato Galego organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración do Clube de Cazadores A Faísca.

Este campionato disputouse baixo unhas condicións climáticas extraordinarias que permitiron escoitar con claridade os fermosos cantos dos paxaros previamente clasificados nas respectivas fases provinciais e que se deron cita nesta proba. Os paxaros divididos nas diferentes categorías ou plumas foron xulgados por Manuel Ángel Chao Porto, Gonzalo Vergara Castro, Jesús Faraldo Ares, Juan Pico Pico  e Iván Fajardo Cao sendo o Director da Proba Manuel Ángel Chao Porto. En representación da Federación estivo presente Marcial Ramil Hermida, responsable de competicións da FGC na Coruña.

Rematadas as diferentes quendas deuse a coñecer a clasificación final resultando do seguinte xeito:

En Liñaceiro o campión era José Luis López Ferreiro con 38 puntos namentres que Camilo Taboada Piñeiro facíase co segundo e terceiro posto con 28 e 18 puntos respectivamente.

Na categoría de Xílgaro o primeiro posto era para José Sanjuán Maceiras con 58 puntos, o cal obtivo, a maiores, un trofeo por ser a pluma pura de maior puntuación. Luis Roiz Rodríguez facíase coa segunda posición cun total de 42 puntos. Ocupaba o terceiro posto Ricardo Díaz Fernández con 28 puntos.

En Mixto de Liñaceiro resultaba campioa Mª Ángeles Pérez Arcos con 91 puntos, seguida de Jesús Ángel Faraldo ares con 67 puntos. O terceiro caixón do podio era para Miguel Ángel Ares Ares con 48 puntos.

Nas plumas de Mixto de Xílgaro o campión era José Luis López Ferreiro con 103 puntos. Con 95 puntos e en segunda posición remataba Carlos Delgado García. Felíz Romay Rey era o terceiro clasificado con 69 puntos.

En Verderol o primeiro clasificado era José Iván Aneiros Fernández con 40 puntos. Con 36 puntos remataba Miguel Ángel Ares Ares que lle daba a segunda posición. Jose Luis López Ferreiro era o terceiro clasificado con 28 puntos.

En Mixto de Verderol a campioa era Mº Ángeles Pérez Arcos. Co mesmo número de puntos pero en segunda posición clasificábase Jacobo Romero Gómez que tamén se facía co terceiro posto con 22 puntos.