MUDEGA
O deporte feminino galego celebrou a súa gala
1/7/2014

O pasado 28 de xuño o Círculo Recreativo Cultural do Porriño (Pontevedra), acollía a III Gala do Deporte Feminino Galego, que recoñece un ano máis ás mellores deportistas, adestradoras, xuízas e entidades colaboradoras co deporte feminino na nosa comunidade, organizada por MUDEGA, a asociación de Mulleres Deportistas Galegas.

A case totalidade dos premiados estiveron presentes nesta gala, na que tamén tivo presenza a Federación Galega de Caza a través de Dolores Abella Otero, vogal da FGC en Pontevedra, Presidenta da Asociación Galega de Cetraría e unha destacada deportista cinexética.

Lamentablemente as mulleres cazadoras non recibiron ningún galardón nesta ocasión, na que a nadadora Bea Gómez recibiu o premio á mellor deportista galega, namentres que p premio ao mellor equipo foi para o Burela F.S. O resto de galardóns foron repartidos do seguinte xeito:

Mónica Flores (triatlón), mellor árbitro; Abel Estévez (seleccionador galego de balonmán), mellor adestrador, Mercé Barrientos (Presidenta da Federación Galega de Taekwondo), mellor directiva; Club de Loita San Ignacio, mellor iniciativa en prol do deporte feminino; Godoy Maceira S.L., entidade privada máis colaboradora do deporte feminino; Concellería de Deportes da Coruña, mellor entidade pública; Silvia Carregal (autora do blog “Ellas también juegan”), premio á mellor comunicación; Aroa Freije (pentatlón), mellor promesa.

Unha das novidades da gala foi a creación do premio á mellor deportista galega con discapacidade, que nesta ocasión foi para Vicky Alonso, xogadora do Anfiv de baloncesto en cadeira de rodas.

O premio á mellor iniciativa en prol do deporte feminino, ao Club de Loita San Ignacio, foi entregado pola representante da FGC na gala, Dolores Abella.

A FGC quere felicitar un ano máis a MUDEGA (Mulleres Deportistas Galegas) pola organización desta excelente iniciativa, e agarda que o vindeiro ano as deportistas cinexéticas acaden algún recoñecemento nesta gala.