FORMACIÓN
Seguen a celebrarse os cursos de seguridade por tódalas provincias galegas
15/7/2014

Seguindo co calendario planeado, os Cursos de Seguridade da FGC seguen a celebrarse por todo o territorio galego. Se a semana pasada foi a provincia de Lugo quen celebrou dous cursos, esta pasada fin de semana as catro provincias galegas celebraron cada un un curso.

A primeira das citas foi na provincia da Coruña, na localidade de Narón, o venres día 11 ás 19.00h. O Auditorio vello de Narón, a carón do Concello, foi o lugar escollido para celebrar o curso, ao que acudiron 85 asistentes. A FGC da Coruña quere transmitirlle o seu agradecemento ao Concello de Narón e a Sociedade de Caza e Pesca de Xuvia.

A provincia de Lugo tamén tivo curso esta fin de semana. Esta vez foi a localidade de Monforte de Lemos a que acolleu o terceiro curso que se celebra nesta provincia. O sábado día 12 máis de 130 asistentes acudiron a antiga Escola de Capacitación Agraria onde tivo lugar o curso, redundando o gran recibimento que están a ter os cursos nesta provincia.

Tamén o sábado 12, a localidade ourensá de Pereiro de Aguiar era a primeira desta provincia en acoller un curso de seguridade. Arredor de 50 cazadores achegáronse ao Centro Cultural  “Os Gozos” para presenciar o curso.

Por último, o domingo 13 de xullo celebrábase un novo curso na provincia de Pontevedra. Concretamente era a localidade de Ponte Caldelas a que acollía, no Centro Cultural de Caritel, unha nova sesión do curso de seguridade, a segunda desta provincia, no que esta vez congregábanse máis de medio centenar de cazadores.

A vindeira fin de semana está prevista a celebración de varios cursos: o sábado 19 terán lugar dous cursos na provincia da Coruña, un no Concello de Rois e outro no de Boimorto. Tamén terá lugar, o día 20, un novo curso en Ourense, esta vez no concello de A Veiga, e a semana seguinte en O Carballiño, na mesma provincia. Ademáis, nas seguintes próximas semanas terán lugar novos cursos na provincia da Coruña, nos concellos de Carballo e Betanzos. Consulte datas e calendarios na seguinte páxina: Cursos de Seguridade 2014