ACORDO
A RFEC cumprirá a sentencia e convocará unhas novas eleccións
16/10/2014

O máximo organismo da caza federada en España volverá ás canles democráticas nos vindeiros meses tras anunciar onte a convocatoria de eleccións, cumpríndose así o compromiso que adquiriu o seu actual presidente Juan Quiles Tarazona, cando se fixo cargo da Real Federación Española de Caza o pasado mes de xullo.

Así se anunciaba no día de onte tras unha xuntanza que mantiñan na sede da RFEC os presidentes federativos autonómicos de Andalucía, Murcia, Estremadura, Madrid, Castela e León, Valencia, Aragón, A Rioxa, Cataluña, Navarra, País Vasco, Asturias e, por suposto, Galicia. Tamén estiveron presentes na xuntanza o Secretario Xeral da RFEC, Oscar Jurado e mailo candidato á presidencia da Federación Valenciana de Caza, Vicente Seguí.

A RFEC da cumprimento así á sentencia que lle obrigaba a repetir o proceso electoral que tivo lugar de xeito infrutuoso en 2012 e que levou a unha ruptura nacional das Federacións Autonómicas, entre as que apoiaban o mandato de Andrés Gutiérrez e as da oposición, denominadas F8. Neste grupo opositor, formado por 8 federacións autonómicas que representaban máis dun 70% do total de federados a nivel nacional, atopábase a Federación Galega de Caza.

Comeza así pois unha nova era na Real Federación Española de Caza, que a través do seu actual presidente se comprometeu a recuperar a unión nacional de tódalas federacións autonómicas e a traballar a través do diálogo e do consenso.

O Presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, que estivo presente nesta xuntanza, amosábase feliz por rematar con este triste período de desavinzas coa RFEC, e agarda que de agora en diante a relación volva ser tan estreita e frutífera como o foi sempre.