CAZA MENOR
Ábrese o telón da tempada de caza menor en Galicia
17/10/2014

Este vindeiro domingo día 19 de outubro dará comezo un novo exercicio cinexético para milleiros de cazadores da comunidade autónoma galega. Un exercicio que se prolongará, como ven sendo habitual, ata o día 6 de xaneiro de 2015 e que se poderá practicar os xoves, domingos e festivos.

Lembrar que a arcea e a agacha poderán prolongar o seu período hábil ata o día 8 de febreiro de 2015 en terreos de réxime cinexético especial, logo da súa solicitude. O período hábil de caza da lebre comprenderá dende este domingo día 19 de outubro ata o 30 de novembro de 2014. O tordo real, o galego, o malvís e o charlo, aparte da tempada xeral, prolongarase o seu período hábil de caza ata o 31 de xaneiro de 2015 na superficie dos Tecores incluída nos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, O Rosal e Tui da provincia de Pontevedra.

Dende a Federación Galega de Caza desexarlle a tódolos cazadores galegos unha ventureira xornada inaugural e a mellor das campañas cinexéticas cargada de numerosos lances cinexéticos, practicada coa maior seguridade e respecto ao medio natural en que se desenvolve.