CAZA MENOR
Un inicio irregular marcado polo bo tempo
20/10/2014

Xa é unha realidade, o arranque da tempada xeral de caza 2014/2015 xa é un feito en Galicia despois da xornada dominical de onte 19 de outubro.

Cazadores e cans gozaron da primeira xornada cinexética de menor, que sen dúbida nestas primeiras saídas ao monte estará marcada polo bo tempo.

A xornada inaugural desenrolouse sen imprevistos e moitos dos cazadores galegos puideron afrontar os primeiros lances cinexéticos, lances que se produciron na súa gran maioría nos primeiros compases do día. Na segunda parte da xornada a falta de estado de forma de cans e cazadores fixeron que as capturas foran inferiores.

Temos que dicir que, en xeral, foi un inicio de tempada moi irregular, véndose moitas diferenzas entre provincias, comarcas e incluso Tecores. O que quedou patente é que os resultados obtidos foron diferentes dependendo, en gran medida, da xestión realizada polas Sociedades de Caza. A precariedade da caza menor en Galicia é unha realidade un ano máis e a perda de hábitat para estas especies miúdas é un lastre difícil de superar.

Haberá que agardar os resultados que se van colleitando nas vindeiras xornadas pero todo indica a que no conxunto da comunidade autónoma galega, hai un pequeno repunte da lebre, e se manteñen os mesmos niveis do ano anterior na perdiz e no faisán, moi dependentes estas especies das repoboacións realizadas dende as sociedades de caza. Seguen sendo as provincias de Ourense e Lugo as que mellores resultados acadaron en canto ás perchas de patirroxas.

En canto ao coello, este exercicio cinexético estará marcado, sen dúbida, pola virulencia a que foi atacada esta especie polas enfermidades, sendo a provincia de A Coruña a máis afectada. Os resultados da provincia de Pontevedra, a provincia galega por excelencia en canto a esta especia, foron mellores dos agardados e esperase unha tempada semellante a anterior.

Respecto ao raposo, os censos mantéñense en todo a xeografía galega e en moitos Tecores ata se ven incrementadas as súas poboacións.

E xa para rematar, agardar que coa chegada do rigor do inverno, a arcea, acuda a Galicia, cando menos, en cantidades iguais ou superiores as das pasadas tempadas de caza.