XUNTANZAS
Todo listo para a Asemblea Xeral deste sábado
7/4/2015

Na xornada de onte reuníanse na sede de Santiago a Xunta Directiva e a Comisión Delegada da Federación Galega de Caza, por mor de preparar a vindeira Asemblea Xeral, que terá lugar este sábado 11 de abril.

Ás 16.30h comezaba a xornada coa xuntanza do equipo directivo da FGC, que tiña por diante a decisión de aprobar os diversos puntos que se someterán o vindeiro sábado ao máximo órgano de representación da Federación: a Asemblea Xeral.

A Xunta Directiva deu o visto bo a tódolos apartados, entre os que se atopaban o balance económico do 2014, o proxecto do orzamentos para o 2015, a memoria da actividade 2014, a proposta de novos prezos para os seguros ou as modificacións que se realizarán en varios regulamentos de competicións.

Seguidamente e sen pausa comezaba a xuntanza da Comisión Delegada, órgano representante da Asemblea Xeral, que tamén tiña por diante unha longa xuntanza na que deron o seu visto bó a tódolos puntos da orde do día que lle competían, como o estudo, e elaboración, do informe previo á aprobación dos orzamentos para o 2015 e de xestión económica e deportiva do pasado exercicio, ou a proposta dos prezos da Licenza Federativa Autonómica e Documentos Únicos para o 2015.

A xornada, que remataba preto da medianoite, quedou marcada pola unanimidade na aprobación dos puntos das ordes do día e vontade de traballo de ambos órganos de cara a afrontar un novo ano federativo.

A vindeira e máis importante xuntanza federativa será este mesmo sábado, día 11, no Hotel Congreso a partir das 10.30h da mañá, momento no que terá lugar a Asemblea Xeral da FGC.