COMPAK SPORTING
Daniel Cebreiro imponse no provincial de Pontevedra
20/4/2015

Campionato Provincial de Pontevedra de Compak Sporting

O pasado domingo 19 de abril disputouse no concello pontevedrés de Ponteareas o Campionato Provincial de Pontevedra de Compak Sporting organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra e contando coa colaboración do Club de Tiro Eido Dalbo.

No campo de Tiro Eido Dalbo déronse cita un total de 46 tiradores que se disputaron este provincial a 100 pratos ao longo da xornada dominical.

Na categoría xeral absoluta o gañador era o xoven tirador Daniel Cebreiro García con 88 pratos derribados. Situábase en segunda posición Alberto Abad Comesaña con 87 pratos e superando no desempate a Daniel Domínguez Treinta que compretaba o podio en terceira posición.

Na categoría de veteranos o campión foi José Rodríguez Cameselle con 85 pratos escachados. Juan Garrido Amoedo foi o tirador segundo clasificado con 77 pratos. A un prato de Garrido remataba en terceira posición Edelmiro Castro Hermida.

En superveteranos o gañador era Ángel Vidal Conde con 58 pratos escachados.

A selección provincial de Pontevedra quedaba composta polos seguintes tiradores: Alberto Abad, Daniel Domínguez, José Antonio Vasconcellos, José María Da Silva, Carlos Misa, Martín Baqueiro, Roberto Rodríguez, Cristino Mera, Felipe Lago, Francisco Javier Rivero, Esteban González, Daniel Núñez, en veteranos José Rodríguez, Juan Garrido, Edelmiro Castro e Santiago Fernández e en superveteranos Ángel Vidal.