INTERCAMBIO
Unha nova promoción do Curso de Protección do Medio Natural visita a FGC
30/6/2015

Xa van tres veces en dous anos, e parece que se vai converter en tradición: unha nova promoción de alumnos do Curso de Protección e Control do Medio Natural, que se imparte no Centro de Formación San Paio do Monte de Santiago de Compostela, visitou esta mañá a sede da Federación Galega de Caza, para coñecer máis de preto a actividade federativa e, sobre todo, aprender sobre qué é exactamente a caza e ser cazador.

A experiencia comezou o pasado ano polo mes de febreiro, e continuou no pasado mes de agosto, agora de novo, un grupo de 17 alumnos encabezados pola titora Teresa Cela, recibía unha pequena charla por parte do Secretario Xeral da Federación Galega de Caza, Ramón Rodríguez, e polo Vogal da FGC Emilio Bolaño, quen posteriormente responderon a tódalas dúbidas dos asistentes.

Este tipo de intercambios son moi satisfactorios e enriquecedores, tanto para os alumnos asistentes, que coñecen moito máis de cerca a realidade da caza e os cazadores galegos, desmontando moitos prexuízos e mitos, así como para a propia Federación, que recibe unha boa dose do sentir, das dúbidas, das inquedanzas e das críticas destes futuros protectores do medio natural.