CANS DE PARADA
En Británicos “Chico de Torres da Varela” de Carlos Lalín e “Aris de Poldarriba” de Vicente Cortés en Continentais son os novos campións galegos
20/7/2015

XVI Copa Galicia de Cans de Parada en Mazaricos

Despois de realizarse o Campionato Galego de Caza San Huberto na xornada do sábado, o concello de Mazaricos vestíase novamente de gala na xornada de onte domingo 19 de xullo para ser o epicentro galego dos cans de parada, coa realización da XVI Copa Galicia de Caza Práctica organizada pola Federación Galega de Caza en colaboración coa sociedade de caza Halcón de Mazaricos.

O entorno do encoro da Fervenza, de enorme beleza paisaxística, foi o escenario onde se disputaría esta fase final na que participaron un total de 38 cans dos cales 33 correspondían a razas británicas e 5 a continentais. Destacar a climatoloxía moito máis benévola que no autonómico de San Huberto, e moi axeitada para a realización deste tipo de probas dado que un vento frouxo pero constante permitiu potenciar as calidades dos cans participantes.

Campos amplos e de visibilidade absoluta fixo que tanto participantes, xuíces e público puideran seguir en plenitude o transcurso da proba e ver as soberbias participacións de boa parte dos cans, mostra delo foron os catro excelentes outorgados polos xuíces.

En Británicos foi a pointer femia de nome “Agra” de Carlos Lalín a que obtiña o primeiro posto cun 1º EXC. Repetía Carlos Lalín con “Chico” pointer macho que acadaba unha cualificación de 2º EXC. O setter inglés macho de nome ”Jumper” do lucense Andrés Pena remataría en terceira posición cun 3º EXC.

En Continentais tan so o epagneul bretón macho de nome “Bat” propiedade de Belisario Bertoa obtivo cualificación acadando un 1º Moi Bo.

Rematada a proba e unha vez realizada a suma dos diferentes puntos acadados polos cans participantes en tódolos campionatos a organización deu a coñecer a clasificación final do Campionato Galego 2015 de Caza Práctica, que resultou como segue a continuación:

En Británicos o campión galego era o pointer macho “Chico de Torres da Varela” de Carlos Lalín Ferreiroa con 31 puntos. Con 27 puntos repetía Carlos Lalín coa pointer femia “Agra de Torres da Varela”. A setter inglés femia de nome “Frouma do Fontelo” propiedade de Iván López acadaba o terceiro posto con 25 puntos.

En Continentais a femia de braco alemán de nome “Aris de Poldarriba” propiedade de Vicente Cortés obtiña o título de Campión Galego con 26 puntos. A medalla de prata era para o epagneul bretón “Bat” de Belisario Bertoa con 18 puntos. Con 12 puntos e xa en terceira posición remataba o braco alemán macho de nome “Denon de Mirandaola” tamén propiedade de Vicente Cortés.