PRESENTADAS HOXE
A FGC presenta alegacións a boa parte dos artigos do Anteproxecto de Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía
12/4/2016

Tal e como se veu informando, a Federación Galega de Caza estivo a traballar nos últimos días nas alegacións ao recente anteproxecto de Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía, que presentou hoxe na Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

O pasado xoves reuníanse na sede da FGC en Santiago algúns dos principais expertos federativos en cans e outros animais afectados pola lei, como as aves de cetraría, para debullar este anteproxecto e revisar un por un tódolos artigos e apartados que puideran afectar aos cazadores, poñer en común as súas achegas e comentarios, e revisar os comentarios, suxestións e preocupacións que cazadores e sociedades federadas fixeron chegar á FGC.

Finalmente son catorce os artigos e máis de vinte os apartados totais aos que a FGC fará alegacións, destacando aqueles que fan referencia as obrigas dos propietarios e posuidores dos animais, ás prohibicións de determinadas condutas, ao transporte, á regulamentación das canceiras, á identificación e rexistro dos cans, ás aves de cetraría, ou ás infraccións e sancións.

Non obstante, a Federación Galega de Caza quere lembrar que moitos dos artigos que figuran neste anteproxecto xa existen de xeito moi similar na Lei 8/2014 de 26 de setembro, de reforma da Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade,  en vigor na actualidade, polo que se sorprende do balbordo que este texto provocou nos últimos días nos medios de comunicación, nas redes sociais e entre o colectivo de cazadores galegos. 

Igualmente, a FGC lamenta que este balbordo sexa animado por certas asociacións que parecen dedicar o seus esforzos a lanzar titulares polémicos e informacións terxiversadas co único fin de gañar unha físgoa dun ansiado e efémero protagonismo a cambio de confundir aos cazadores galegos. 

O Anteproxecto de Lei de Protección dos Animais de Compañía nunca contempla a prohibición da caza cando di “calquera conduta que ocasione directa ou indirectamente ao animal dor, sufrimentos ou danos innecesarios, tanto físicos coma psíquicos, ou a morte, sexa por acción ou omisión dolosa ou neglixentemente” como se argumentaba nalgunha das novas aparecidas na prensa, xa que é obvio que os cazadores non buscan intencionadamente causarlle dor aos seus cans. Os cans de caza están expostos a certos riscos causados pola actividade cinexética, pero ao igual que poden estalo os cans dedicados a outras actividades, como poden ser o salvamento de vítimas nunha catástrofe natural, ou aqueles empregados para a detección de drogas ou outras sustancias prohibidas.

A FGC non traballa para ser a protagonista dos medios de comunicación, senón para defender os intereses dos cazadores e sociedades de caza galegas, sen tratar de confundilos ou alarmalos con informacións incompletas ou nesgadas.