A CAZA NA CAMPAÑA ELECTORAL
A FGC pon en marcha a campaña “E de caza que?”, co obxectivo de que se fale tamén de Caza durante a campaña electoral
00/00/0000

E DE CAZA QUE?

Con motivo das próximas Eleccións Autonómicas, a Federación Galega de Caza (FGC) ven de por en marcha a campaña “E de caza que?”, coa que se pretende coñecer a opinión e as perspectivas dos diferentes grupos políticos sobre a Caza en Galicia. Con este obxecto a FGC ven de poñerse en contacto cos diferentes partidos políticos con representación parlamentaria  co fin de promover a intercomunicación a través de xuntanzas abertas cos cazadores. A esta iniciativa tamén poderá sumarse calquera outro grupo ou forza política que o desexe.

Con esta campaña  a FGC non pretende politizar a actividade cinexética, senón todo o contrario, trátase de que os cazadores galegos poidan coñecer as posturas e programas dos diferentes partidos políticos respecto á caza, e que na campaña electoral tamén se fale da actividade cinexética, un deporte social, rural, saudable e regulador do ecosistema, que practican en Galicia preto de 46.000 cazadores, o que o sitúa como o segundo deporte máis practicado na Comunidade Autónoma, por detrás de fútbol, e que xera unha importante actividade económica, en especial na tan minguada economía rural.

Por que deporte social?,  porque na CCAA existen 453 tecores, xestionados por entidades sen ánimo de lucro nos que se integran a práctica totalidade dos 46.000 cazadores galegos.

Por que deporte rural?, porque a totalidade dos terreos cinexéticos (tecores) sitúanse no medio rural, pola idiosincrasia propia desta actividade.

Por que deporte saudable?, porque a caza é unha actividade física que se practica no rural galego, e se a elo lle engadimos que se desenvolve nun entorno ao aire libre, en contacto coa natureza, estamos a falar, sen dúbida algunha, dun deporte saudable; sendo ademais, a diferenza do que ocorre noutros deportes, o máis practicado polas persoas da terceira idade. 

Por que un elemento regulador do ecosistema?, porque os cambios producidos no campo galego, xunto coa aparición de cultivos extensivos, entroutros factores, provocou o crecemento, mesmo a veces desmedido, de determinadas especies como o xabaril, o raposo ou o corzo, en detrimento doutras como a perdiz ou o coello que foron perdendo o seu hábitat e alimento.

Faise, polo tanto, necesaria a recuperación dos ecosistemas de determinadas especies pero tamén a caza selectiva e controlada doutras, para acadar unha poboación sostible adaptada á capacidade de cada territorio, que pola densidade actual das súas poboacións están a ocasionar importantes danos na agricultura e no tráfico. Polo tanto a caza, tal e como se practica hoxe en día, debe entenderse como un elemento de conservación e recuperación dos ecosistemas. 

Por que unha actividade económica?, porque o deporte cinexético xera un volume de negocio superior aos 111 millón de euros anuais, grazas a ese mercado que foi xerando ao seu redor, con sectores adicados nunha boa parte da súa produción a cubri-la propia demanda xerada pola caza e polas actividades vencelladas a ela, equiparándose así a sectores tan importantes da economía galega como a industria vitivinícola (150 millóns segundo datos do 2014), e mesmo superando ao Albariño (100 millóns), e a biotecnoloxía (100 millóns). 

E por último, a FGC fai un chamamento aos cazadores para que se sumen a este proxecto participando nas xuntanzas e achegando as súas suxerencias á Federación, suxerencias que poderán enviar ao email federacion@federaciongalegadecaza.com.