CONVENIO MEDIO AMBIENTE
A FGC seguirá formando aos cazadores galegos en materia de seguridade e primeiros auxilios
5/9/2016

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ratificou o seu apoio ás accións formativas que ten previsto organizar a Federación Galega de Caza trala firma do convenio de colaboración entre ambas entidades a pasada semana.

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, destacou o apoio á Federación Galega de Caza, entidade que “é a máis representativa dos cazadores galegos”.

A FGC organizará ao longo dos vindeiros meses varios cursos de formación sobre a seguridade na caza, como continuación aos que organizou nos pasados anos, e incorporará un novo curso destinado a formar en materia de primeiros auxilios no monte.

Tamén se distribuirán dípticos formativos encadrados na campaña “Caza seguro, para cazar ben”, sobre seguridade na organización de cazarías, o Decálogo de Seguridade e chalecos de alta visibilidade.

A Federación confirma así o seu compromiso para formar aos cazadores galegos en materia de seguridade, unha máxima que debe acompañar en cada xornada a tódolos practicantes desta actividade.