AXUDAS
Medio Ambiente amplía ás explotacións de autoconsumo as axudas destinadas a paliar danos do xabaril
13/9/2016
  • A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, presentou hoxe na Estrada unha modificación da orde de axudas que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG)
  • Destacou a posta en marcha doutras medidas, como a eliminación do límite de pezas por batida nas épocas de maior conflitividade ou a axilización administrativa das autorizacións para as batidas por danos
  • Ademais, o Goberno galego está a traballar en colaboración coa Federación Galega de Caza para aumentar a presión cinexética nas zonas onde se producen máis danos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a reforzar as medidas de xestión do xabaril, especialmente nesta época de maior conflitividade, así como tamén ampliará as axudas destinadas a paliar danos para que beneficien ás explotacións de autoconsumo, tal e como se recollerá na modificación da orde que publicará mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así o explicou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante unha rolda de prensa na Estrada na que estivo acompañada polo presidente da Federación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo, e o alcalde da localidade, José López Campos.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica fixo fincapé en que, ata o de agora, quedaban excluídas da orde de axudas as explotacións agrarias consideradas de autoconsumo, xa que só se compensaban os danos ocasionados en explotacións profesionais. A partir da modificación da orde que se fará efectiva mañá, os agricultores de autoconsumo poderán solicitar estas subvencións ata o 10 de outubro, prazo no que remata a convocatoria.

A orde, que se publicou en xullo, conta cun orzamento de 600.000 euros e tramítase en réxime de concorrencia non competitiva.

Ademais de paliar os danos, a Xunta está traballando en implementar outras medidas de xestión da especie, tendo en conta especialmente que estamos ante un dos períodos do ano de maior conflitividade.

Neste sentido, Díaz López explicou que xa se deu orde de eliminar o límite de 2 exemplares por batida durante as épocas de maior conflitividade. Ademais, tamén se ditará unha instrución para axilizar as autorizacións de batidas por danos (isto é, aquelas batidas fóra da planificación anual de cada Tecor).

Deste xeito, establecerase un prazo máximo de resposta de 24 horas pas as solicitudes de batidas de xabaril, tanto dentro como fóra de temporada, nos concellos incluídos no anexo IV da resolución anual de vedas. Estas localidades contan cun histórico de conflitos e enténdese que os danos resultan acreditados sen necesidade de desprazar a un axente medioambiental. Nesta situación atópanse 126 concellos, o 40,1% do total de municipios galegos.

Para o resto de localidades, as solicitudes de batidas por dano recibirán a autorización por correo electrónico unha vez se teña comprobado a orixe do dano por un axente medioambiental, pasando o prazo de 72 a 48 horas.

Colaboración coa Federación Galega de Caza

A directora xeral explicou que esta medida de axilizar as autorizacións de batidas por danos, que non estaban programadas, complementarase cun reforzo da colaboración coa Federación galega de caza para garantir unha presión cinexética efectiva e responsable sobre a especie.

Cabe recordar que a temporada de caza do xabaril comezou o pasado 27 de agosto e rematará o 15 de xaneiro, desenvolvéndose as xornadas de caza os xoves, sábados, domingos e festivos. As cacerías autorízanse nos servizos provinciais, de acordo cos Plans de aproveitamento cinexético (PAAC) que deben presentar anualmente os Tecores. Polo tanto, antes de cada período hábil de caza, os Tecores establecen o calendario previsto e nel prográmanse as batidas previstas do xabaril para toda a tempada. Unha vez aprobado este plan, na zona do Tecor en temporada hábil non se precisa autorización (si se precisa autorización na zona fóra do Tecor, aínda que sexa temporada hábil).

Así, o pasado 30 de agosto tivo lugar unha reunión coa Federación galega de caza na que se acordou incrementar o número de batidas efectivas a realizar, para que se acheguen ao número de batidas programadas anual, especialmente para as zonas máis conflitivas. Ademais, co fin de superar o número de exemplares capturados, a Consellería fará un seguimento mensual das batidas.

Coa Federación tamén se acordaron outra serie de medidas, como a posibilidade de prorrogar as autorizacións de batidas por danos no caso de que resulten infrutuosas.