RASTRO COELLO PONTEVEDRA
O lote propiedade de Martínez Bua adxudícase o provincial
19/9/2016

Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre Coello

O pasado sábado 17 de setembro disputouse no Tecor pontevedrés de Pazos de Borbén a XXIII edición do Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre Coello organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra e  contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de dito Tecor.

Nun terreo con abundantes coellos, os cans tentaron demostrar a súas calidades de busca, desencame, seguimento e traballo en equipo, que con un bo condutor puxeron difícil as tarefas os xuíces á hora de elaborar a acta final.

O lote “Barri”, “Loris”, “Kapo” e “Lula” propiedade de Carlos Martínez Bua foi o que se impuxo nesta edición do Campionato Provincial de Rastro de Coello ao obter unha puntuación de 481 puntos. Moi preto, en segunda posición situouse o lote composto por “Clin”, “Trufa”, “Pulga” e “Pólvora” propiedade de Jaime López Castro e 480 puntos. No terceiro caixón do podio situábase Alfonso Rey Baulde co lote composto por “Clay”, “Trus”, “Trasno” e “Xouba” acadando unha puntuación de 475 puntos.

O can “Lula” propiedade de Carlos Martínez Búa foi nomeado como mellor can da proba.

Un xantar de irmandade e a entrega de premios na que interviñeron as autoridades alí presentes, entre as que se atopaba o presidente da Federación provincial Francisco Couselo, puxo o punto e final a este campionato provincial de Pontevedra de Cans Rastro de Coello.

Queda todo emprazado para o vindeiro 1 de outubro, na localidade coruñesa de Carnota, onde se disputará o Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello, que terá a estes tres primeiros lotes clasificados a representación da provincia de Pontevedra nesta destacada cita da competición cinexética.