CURSOS SEGURIDADE 2016
O primeiro dos Cursos de Seguridade e Primeiros Auxilios, hoxe en Santiago
23/9/2016

Esta tarde a partir das 18.00h comeza en Santiago de Compostela o primeiro dos Cursos de Seguridade nas Cacerías e Primeiros Auxilios que este ano organiza a Federación Galega de Caza en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Ao longo dos meses de setembro e outubro as catro provincias galegas terán a súa correspondente edición destas xornadas formativas, que pretenden concienciar e informar aos cazadores galegos da importancia da seguridade durante todas e cada unha das xornadas cinexéticas.

Máis de cento vinte cazadores se atopan inscritos nesta primeira xornada, quen ademais da formación a cargo de diversos expertos en materia cinexética, caza, armas, cans, e primeiros auxilios no mundo da caza, recibirán diverso material de seguridade, así como un diploma acreditativo da asistencia ao curso.

O seguinte curso en celebrarse será o de Lugo, o vindeiro 30 de setembro, seguiralle o de Xinzo de Limia, en Ourense, o 3 de outubro, e finalmente o de Marcón, en Pontevedra o vindeiro 14 de outubro.

A FGC completará así unha nova tempada de formación en materia de seguridade, coa novidade nesta ocasión da incorporación dos primeiros auxilios, unha das principais demandas dos cazadores tralos cursos realizados nos pasados anos.