FORMACIÓN
Novo curso de Seguridade nas Cacerías e Primeiros Auxilios hoxe en Xinzo de Limia
7/10/2016

Esta tarde a partir das 18.00h comeza en Xinzo de Limia (Ourense) un novo Curso de Seguridade nas Cacerías e Primeiros Auxilios que este ano organiza a Federación Galega de Caza en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Ao longo dos meses de setembro e outubro as catro provincias galegas están a recibir a súa correspondente edición destas xornadas formativas, que pretenden concienciar e informar aos cazadores galegos da importancia da seguridade durante todas e cada unha das xornadas cinexéticas.

Centos de cazadores recibiron xa formación nos cursos celebrados nas provincias de A Coruña e Lugo, e agárdanse outros tantos para os de Ourense e Pontevedra.

Os cazadores asistentes recibirán, ademais da formación a cargo de diversos expertos en materia cinexética, caza, armas, cans, e primeiros auxilios no mundo da caza, diverso material de seguridade, así como un diploma acreditativo da asistencia ao curso.

O de hoxe en Xinzo de Limia, Ourense, e o de Marcón, en Pontevedra o vindeiro 14 de outubro completarán o curso formativo 2016 en materia de seguridade.