RAPOSO PONTEVEDRA
O equipo "Caselas III" novo campión provincial
16/1/2017

A vila montañesa de Fornelos de Montes acolleu o pasado sábado, día 14 de xaneiro, o XXIV Campionato Provincial de Caza de Raposo. Torneo organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra, a que contou co apoio do concello anfitrión e coa colaboración das sociedades venatorias: “Fornelense”, “Coto Suído” “A Covelense” “ A Mondarizana” e “A Laxe”, as que cederon xentilmente os seus terreos cinexéticos para poder levar a bo fin este torneo. Torneo clasificatorio para o autonómico da especialidade e que contou cunha participación de 340 deportistas da escopeta, entre cazadores e xuíces de campo o que pon de manifesto o gran poder de chamada, de convocatoria,  que ten esta disciplina na provincia pontevedresa.

A concentración dos 34 equipos levouse a cabo no pavillón de Fornelos de Montes, centro neurálxico do campionato, ao que foron chegando os cazadores despois das 7:30 da mañá. Deportistas que logo do sorteo saían para os xeados cazadeiros, nunha mañá xélida, comezando o exercicio, tal e como estaba previsto, ás 9 h. e rematando ás 13,30 da tarde. Un total de 270 minutos de andaina polo monte nos que se levantaron  un total de  23 raposos e se capturaron 5 individuos.

CLASIFICACIÓN

A clasificación, dado que as cinco pezas pilladas estaban repartidas entre outros tantos equipos, a organización tivo que recorrer o sistema de sorteo para decidir a orde clasificatoria, e así quedou o resultado final:

  • 1º e campión, equipo “Caselas III”, con 500 puntos.
  • 2º e subcampión, “Silleda II”, tamén con 500 puntos.
  • 3º, “Tomiñesa II”, igualmente con 500 puntos
  • , “Tomiñesa I”, mesmos puntos co anterior

Estes catro representarán a provincia de Pontevedra na fase autonómica da modalidade. Mentres o grupo, “Lanzada II”, clasificouse no quinto posto.

CLAUSURA

A cerimonia da entrega de premios e agasallos, así como o acto de clausura, levouse a cabo o remate dun xantar de confraternidade celebrado no mesmo pavillón de Fornelos de Montes, asistindo  máis de 400 comensais, entre os que se atopaban diversas autoridades locais, provinciais e autonómicas, que arrouparon coa súa presenza esta proba venatoria. Algunhas delas fixeron uso da palabra ao remate da manduca, poñendo de manifesto a satisfacción que lles producía “o gran ambiente e o compañeirismo vivido”, a vez que felicitaron os gañadores polos resultados acadados.

Dicir por último, que o desenrolo deste importante torneo cinexético foi recollido polas cámaras da produtora “Lumavisión Galicia”, polo que proximamente poderemos ver unha ampla reportaxe en varias canles de televisión, así como na páxina web da Federación Galega de Caza.