CAZA DE RAPOSO
O equipo lucense “O Picato” revalida o título en Portomarín
13/2/2017

XII Copa Provincial de Caza de Raposo desputada en Portomarín

O pasado sábado 11 de febreiro tivo lugar a celebración da tradicional Copa Provincial de Caza de Raposo de Lugo que se disputou novamente na comarca de Portomarín, estando organizada pola Federación Galega de Caza en Lugo e coa colaboración de un total de 15 Sociedades de Caza da zona.

Neste Copa Provincial tomaron saída un total de 45 cuadrillas de caza chegadas de diferentes puntos das catro provincias galegas e que durante a maña do pasado sábado 11 de febreiro tentaron dar caza ao raposo. 

O día transcorreu sen imprevistos e o número de raposos avistados e capturados foi moi destacado axudando para o goce cinexético a boa climatoloxía reinante durante as horas de competición. Un total de 46 capturas e mais de medio cento de raposos avistados foi o balance da xornada.

Foi o equipo lucense “O Picato”, gañador na pasada edición, o que volvía ao máis alto de podio con 4 raposos, 2 machos e 2 femias. Tamén con 4 raposos, 2 machos e dúas femias, pero con peor sorte no sorteo realizado o equipo pontevedrés Salnes II. Xa en terceira posición situouse o equipo lucense “Os do Matorral” con 3 raposos abatidos. 

Unha vez pechado o control, cazadores, guías, xuíces, organización e autoridades gozaron dun xantar de irmandade no que se congregaron preto de 600 comensais. Entre as autoridades alí presentes atopábase o presidente da Asociación Lucense de Caza e vicepresidente da FGC José Luis Valcárcel Yáñez, o vocal da FGC Milo Bolaño, o presidente provincial da FGC de Lugo, Francisco López Penela, Luis Eusebio Fidalgo Álvarez, vicepresidente da FGC en Lugo, o Tenente de alcalde de Portomarín José Pérez Fernández, a Xefa de Servicio de Conservación da Natureza en Lugo Eugenia Gasalla Valle e a Xefa Territorial de Medio Ambiente na provincia Margarita López Blanco. 

Foi a entrega de premios a que puxo o punto e final a esta XII Copa Provincial de Caza de Raposo e que dalgún xeito puxo o colofón a tempada de caza 2016/2017 en Galicia.