RASTRO DE XABARIL
O galego José Manuel Fernández con “Pirulo” proclamouse subcampión de España en Asturias
4/7/2017

XXV Campionato de España de Cans de Rastro Atraelados modalidade Xabaril

O lucense José Manuel Fernández co seu can “Pirulo” acadaba a medalla de prata namentres que, o tamén galego, Francisco Rodeiro con “Rato” obtiña o cuarto posto na final do Campionato de España de Cans de Rastro Atrelados modalidade Xabaril disputado o pasado 1 de xullo en Grado (Asturias), baixo a organización da Real Federación Española de Caza e coa colaboración da Federación Asturiana de Caza.

A expedición galega composta polos monteiros Michael Otero, José Quintela, José Manuel Fernández, Francisco Rodeiro, Manuel Vecino, Antonio Sánchez, José Luis Iglesias, Juan Vecino e Salvador Sestelo chegaban a localidade asturiana de Grado para disputar a edición número XXV do Nacional de Rastro de Xabaril. A selección galega estivo arroupada polos federativos José María Álvarez, coordinador de competicións da FGC, e Francisco Couselo, presidente da FGC en Pontevedra.

Disputada a fase clasificatoria o tamén galego e recentemente nomeado Delegado Nacional de Cans de Rastro, José Montoiro, deu a coñecer os finalistas, entre os que se colocaron catro monteiros galegos: José Manuel Fernández, Francisco Rodeiro, José Luis Iglesias e Antonio Sánchez.

Nunha final moi disputada, o novo Campión de España da modalidade foi o monteiro participante pola comunidade de Castela e León, Iker Ortega Fernández co seu can “Zeus”. A prata era para o galego José Manuel Fernández Fernández con “Pirulo” e o asturiano Emilio José Fernández completaba o podio na terceira posición co seu can “Toñín”. O seguinte galego mellor clasificado foi Francisco Rodeiro Eiras con “Rato” en cuarta posición.

Un xantar de irmandade e a entrega de premios puxo o punto e final deste campionato nacional no que a boa organización do mesmo foi a nota destacada. Non nos esquecemos do bo e complexo traballo realizado polos 4 xuíces da proba entre os que se atopaba o galego e xuíz nacional Roberto Carlos Costa Tellado.