RASTRO DE COELLO
O lote propiedade de Rey Baulde adxudícase o provincial
2/10/2017

O pasado sábado 30 de setembro disputouse no Tecor pontevedrés de San Martín de O Grove a XXIV edición do Campionato Provincial de Pontevedra de Cans de Rastro sobre Coello organizado pola Federación Galega de Caza en Pontevedra e  contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de dito Tecor.

Nun terreo con boa densidade de coellos, os cans tentaron demostrar a súas calidades de procura, desencame, seguimento e traballo en equipo, que con un bo condutor puxeron difícil as tarefas os xuíces á hora de elaborar a acta final. Destacar a ampla participación con 72 cans inscritos en 18 lotes.

Alfonso Rey Baulde co lote composto por “Clay”, “Trus”, “Trasno” e “Xouba” foi o que se impuxo nesta edición do Campionato Provincial de Rastro de Coello ao obter unha puntuación de 519 puntos. “Blanca”, “Chispa”, “Ramiro” e “India” propiedade de Cristobal Cacheda Chouza obtiña a prata con 490 puntos. Moi preto, en terceira posición situouse o lote composto por “Susi”, “Rosa”, “Lori” e “Cris” propiedade de Iván Aragunde Coira con 464 puntos. 

A cadela “Xouba” propiedade de Alfonso Rey Baulde foi nomeada como mellor can da proba con 142 puntos.

Un xantar de irmandade e a entrega de premios na que interviñeron as autoridades alí presentes, entre as que se atopaba o concelleiro de deportes de O Grove, Santiago Meis, o Comandante do posto da Garda Civil, Sarxento Arias, o presidente da Sociedade de Caza anfitrioa, José María Fernández e o presidente da Federación provincial de Caza Francisco Couselo, puxo o punto e final a este campionato provincial de Pontevedra de Cans de Rastro de Coello.

Queda todo emprazado para o vindeiro 7 de outubro, na localidade pontevedresa de Pazos de Borbén, onde se disputará o Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello. Un autonómico que terá a estes tres primeiros lotes clasificados máis ao campión galego da edición anterior, Jaime López Castro, a representación da provincia de Pontevedra nesta destacada cita da competición cinexética.