RASTRO DE COELLO
Román Reguera con "Rato" gaña na Laxe o Campionato "Cara de Can"
3/10/2017

Tendo de anfitrión terras de Fornelos de Montes e unha participación de 18 cans, o domingo 1 de outubro, levouse a cabo baixo organización de Federación Galega de Caza de Pontevedra e a colaboración da entidade cinexética local “A Laxe”, o VIII Campionato de Rastro de Coello. Unha proba aberta exclusivamente para cans podengos que se desenvolveu a 920 metros de altitude en montes da Serra do Suído, non Tecor de A Laxe e na modalidade “Cara de Can”.

A concentración de participantes, xuíces e acompañantes levouse a cabo ás 7:30 horas no local social da entidade venatoria anfitrioa, o carón da Igrexa Parroquial de A Laxe. Unha vez revisada a documentación de cada un dos competidores e darse as instrucións correspondentes partíase para os tres campos escollidos para a proba: “Bidueiros”, “Campo largo” e “Catro Camiños”, comezando o exercicio sobre das 8:00 para concluír ás 14:30 do serán cando a calor propia do mes de agosto deixábase notar. Tempo no que levantaron máis dunha quincena de coellos. 

De xuíces actuaron os titulares Juan Alonso, Javier Nogueira, Tito Couñago, Nicolás Castro e Xosé Alonso, os que coincidiron en que os cans máis destacados desta intensa xornada en deporte e natureza fosen os  seguintes, por certo, todos de Pontevedra:

CLASIFICACIÓN 

  • 1º e campión, “Rato” de Ramón Reguera Míguez (Sampaio).
  • 2º e subcampión, “Chispita” de Carlos Martínez Bua (Ribadumia).
  • 3º, “Chincho” de Diego Freiría Da Rocha. (Nigrán). 

CLAUSURA

Logo do xantar de clausura celebrado en Casa Chalán (Estacas) onde comer e toda unha satisfacción para o padal, procedeuse a entrega de trofeos, proclamación dos gañadores e clausura do torneo. Acto no que estiveron presentes, ademais de participantes e acompañantes,  directivos da Federación de Caza de Pontevedra co seu presidente, Paco Couselo o fronte. E como dato curioso salientar, por unha parte a participación como xuíz do actual presidente da Federación Galega de Caza e un dos “inventores” desta disciplina deportiva, xunto con Juan Alonso e Tito Couñago, Javier Nogueira, que tamén presidiu o xantar de confraternidade. E por outra banda, a participación dun rapaz de Ourense de tan so 17 anos,  Alejandro Pousa, que participou cunha fenomenal cadela, “Carriza”, pero que os nervios traizonárono ao igual que o seu pai, Juan Pousa, varias veces campión e subcampión en diferentes probas caninas, corría a mesma sorte. Así, ningún dos dous pasou a criba da fase preliminar da primeira hora.

Salientar tamén, que o escenario competitivo foi valorado moi positivamente polos participantes e que a deportividade e camaradería acadou a “excelencia”. E que a organización foi altamente valorada polos protagonistas dunha cita deportiva en tódolos conceptos. Campionato que foi gravado pola Produtora Lumavisión Galicia e que proximamente poderemos ver en varias televisións, na páxina web da mesma Federación Galega de Caza e na propia canle en YouTube da produtora: LUMAVISIÓN GALICIA.