#QUEIMANGALICIA
Un arrinque devastador
16/10/2017

Na xornada de onte arrincaba a tempada xeral de caza en Galicia, o que deberá ser un día moi especial e cheo de lances e ilusións para milleiros de cazadores da nosa comunidade converteuse nunha xornada tráxica de desolación, nervios e devastación. 

Os cazadores tiveron que trocar as súas escopetas e cans por batelumes, mangueiras e todo tipo de mecanismos para tentar sufocar os numerosos lumes que se desataron durante a xornada de onte por todo Galicia, con maior fincapé nas provincias do Sur. 

Un terrorismo ecolóxico sen paliativos e que cos lumes trae a desolación a moitos pobos galegos. Unha desolación que xa traspasou as fronteiras das perdas materias e se cobrou 3 vítimas persoais. Dende a FGC o noso máis fondo pesar a familiares e amigos dos falecidos.

A FGC condena enerxicamente este terrorismo ambiental que esta asolagando os nosos montes, actos deplorables de terroristas que coa axuda dunhas condicións climáticas extraordinarias para a propagación e case imposible extinción dos lumes fixeron de xeito premeditado que miles de hectáreas dos nosos montes estean calcinadas, que se produciran perdas irreparables e que non deamos comprendido o porque de tanto dano para a nosa terra.

A FGC quere agradecer os esforzos que realizaron na xornada de onte e seguirán facendo na de hoxe os centos de cazadores que colaboraron e traballaron arreo para sufocar unhas lapas devastadoras nunha xornada tan especial para os cazadores como era a de onte 15 de outubro coa apertura da tempada xeral en Galicia. Unha mostra solidaria da caza cando é atacada onde máis lle doe.  

O Presidente da Federación Galega de Caza manterá unha xuntanza o vindeiro luns co Vicepresidente da Xunta para tratar diversos temas entre os que se atopa o dos incendios. Ademais a Xunta Directiva reunirase con carácter de urxencia o mesmo día pola tarde para avaliar, entre outros asuntos, o dos incendios na nosa comunidade.