ESPECIES INVASORAS
Admitida a proposiciĆ³n de lei para modificar a Lei de Biodiversidade
8/11/2017

Con 264 votos a favor e 79 en contra admitiuse a modificación da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que na tarde de onte foi sometida a debate no Congreso dos Deputados.

A admisión desta modificación permitirá aos sectores afectados pola sentenza do Tribunal Supremo nº 6637/2016, do 2 de agosto (que anulou varias disposicións do Real Decreto 630/2013 tras o recurso presentado por varias organizacións ecoloxistas), atopar unha solución que compatibilice a protección do medio ambiente con actividades comerciais, deportivas, turísticas e de lecer dalgunhas especies catalogadas como exóticas invasoras.

A Real Federación Española de Caza agradece, en primeiro lugar, ao Partido Popular o defender esta proposición de lei, e tamén quere dar as grazas ao resto de grupos parlamentarios, especialmente a Cidadáns e ao PSOE, por escoitar as reivindicacións do mundo rural e a responsabilidade que demostraron cara á grave situación socioeconómica na que se viron inmersas miles de familias tras a prohibición do aproveitamento das citadas especies.

As votacións dos 341 deputados presentes, máis 2 votos telemáticos, repartíronse en 263 votos a favor máis outro voto telemático, 78 en contra máis outro voto telemático, e 0 abstencións.

Como indica a proposición de lei, o que se busca coa modificación da Lei 42/2007 é facer compatible a loita contra as especies exóticas invasoras co seu aproveitamento para a caza e a pesca nas zonas nas que a súa presenza non supoña un problema ambiental.

Polo antes exposto, a RFEC lamenta profundamente a falta de sensibilidade social ante o mundo rural que demostrou Podemos ao votar en contra, influenciado por organizacións ecoloxistas “ás que a precaria situación das máis de oito millóns de persoas afectadas directamente pola actual redacción da Lei da Biodiversidade non lles preocupa no máis mínimo”, afirmou o presidente da Federación nacional, Angel López Maraver.