EN XEVE
Miguel Barrio novo campión de caza de arceas de Pontevedra
30/1/2018

O pasado domingo, día 28 de xaneiro, tiña lugar baixo a organización da Federación Galega de Caza en Pontevedra o XXV Campionato Provincial de Caza da Arcea nas 3.300 Has. do Tecor de Xeve. A cita acudiron un total de 26 especialistas acompañados dos respectivos cadelos que viron como o seu saber e esforzos venatorios resultaban inútiles, consumíndose as cinco horas de exercicio que durou a proba (de 9 da mañá ás 2 da tarde), sen que se capturase ningún destes paxaros migratorios.

Uns resultados que non comprendía o presidente da Sociedade anfitrioa “O Campo” e a vez vogal da FGCP, Manuel Álvaro Fontela. “Non, non o entendo. Paréceme imposible que non se cazase ningunha arcea e máis cando tódolos que están aquí son expertos nesta especialidade cinexética”, comentou, para puntualizar, “aínda que tamén teño que dicir, que deixaron os mellores sitios, as mellores zonas, sen cazar”,  Tampouco os cazadores daban crédito o ocorrido botándolle a culpa o descoñecemento do cazadeiro e das zonas querenciosas desta migratoria.

Visto o visto e dado que este campionato era clasificatoria para seguinte fase,  a organización viuse obrigada a botar man do socorrido sorteo, quedando a clasificación deste xeito:

  • 1º e campión, Miguel Barrio Iglesias, da Sociedade “Río Ulla”.
  • 2º e subcampión, Marcos Fontenla Crespo, da Sociedade “Pequenos Monteiros”.
  • , Xosé Manuel Domínguez Fernández, da Sociedade “A Rosaleña”.
  • 4º, Manuel Rubén Gigan Campo, da Sociedade “Cotobade”.

Como reservas figuran: Julio Pereira Martínez, da Sociedade “A Tomiñesa” e, Ignacio Vieites Rodríguez, da Sociedade “Río Umia”.

Os catro primeiros representarán a provincia pontevedresa no próximo Galego da modalidade.

Por último dicir, que o campión era a primeira vez que participaba. Que a clausura levouse a cabo no Teleclube de San Andrés de Xeve, asistindo, representación federativa provincial co seu presidente, Paco Couselo, o fronte, e varios directivos da sociedade de caza local, o Delegado de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides, a quen se lle entregou un agasallo en recoñecemento o seu apoio ao deporte cinexético. O acto pechouse  cos obrigados discursos. Oratorias que neste caso solicitouse a unidade de tódolos cazadores para “facer un fronte común en defensa do colectivo e da caza”.